O Partido Popular contrata como asesor do grupo provincial na Deputación ao concelleiro carballiñés Lino González.
Unha resolución da Presidencia da Deputación ven nomear ao concelleiro carballiñés do Partido Popular Lino González García como "persoal eventual do Grupo Provincial Popular", con efectos a partir deste pasado sábado dia 16 de setembro, e deberá agora ser publicado no Boletín Oficial da Provincia.
A resolución da Presidencia da Deputación dispón o nomeamento en "réxime de persoal eventual e dedicación exclusiva a Lino González García como asesor do grupo políticodo Grupo Provincial Popular. Tamén recolle que "a persoa nomeada, de acordo co orzamento vixente, percibirá unha retribución dun importe anual de 43.611,43 euros, divididos en 14 pagas".
Lino González foi o cabeza de lista nas pasadas eleccións municipais do mes de Maio na candidatura do Partido Popular no Carballiño, e foi designado como o portavoz municipal na corporación carballliñesa, pero non exerceu aínda como tal, xa que so asistíu ao pleno de constitución celebrado no pasado mes de xuño.
Posteriormente, protagonizou un sonado desencontro co Partido Popular, ao desmarcarse das directrices da dirección provincial na elección da alcaldesa de Boborás Patricia Torres como Deputada Provincial, aínda que agora con desta designación como asesor do grupo provincial parace reconducirse a situación, accedendo o PP á petición de Lino González, que reclamaba dedicarse en exclusividade á política, e deixando a un lado a súa actividade profesional nunha entidade bancaria.