A Xunta impulsa o polígono de Barzamedelle eliminando 33 hectáreas de acacias para controlar esta especie invasora e facilitar a investigación da titularidade dos predios
O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e polo tenente de alcalde de Leiro, Ramón Álvarez, supervisou os labores de posta en marcha do polígono agroforestal de Barzamedelle.
O conselleiro puxo en valor, de maneira especial, os traballos de roza das acacias, que polo de agora abranguen unha superficie de 33 hectáreas, das 59,2 que se estima ocupa esta planta dentro do perímetro do polígono, é dicir, case o 56% do total.
Neste mesmo sentido, José González subliñou ademais que con esta actuación, pioneira no seu enfoque e dimensións, refórzase a protección da bisbarra do Ribeiro fronte os incendios forestais, ao tratarse dunha especie invasora e ademais pirofítica, polo que representa un risco dende o punto de vista da prevención do lume. Sinalou tamén que son traballos precisos para o recoñecemento das parcelas existentes e da investigación dos seus titulares.
Limpeza de camiños
A maiores, o titular de Medio Rural trasladou que tamén se actuou na limpeza e recuperación en case seis quilómetros e medio de camiños, para mellorar as comunicacións dentro dun polígono que se enmarca na aplicación da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e que suporá mobilizar un total de 145,6 hectáreas. Polo de agora identificáronse xa, mediante a investigación da propiedade, un total de 183 parcelas de 113 propietarios, o que representa que está identificada a titularidade de 63 das 145,6 hectáreas que conforman o polígono, é dicir, un 43% do total.
Segundo explicou o conselleiro, o obxectivo é poñer en valor terra de boa capacidade produtiva abandonada ou infrautilizada de forma sustentable. Búscase así, engadiu, crear actividade agrogandeira, fixar poboación e anticiparse aos incendios forestais. Neste caso concreto, González trasladou que a orientación principal do polígono será o viñedo (cultivos leñosos), dada a súa situación estratéxica, o que permitirá aumentar a produción da denominación de orixe Ribeiro.