A Xunta mantén aberto ata o 2 de novembro o prazo para participar no programa de impulso ao emprego verde entre persoas sen traballo de contornas rurais.
O prazo de inscrición no programa formativo Impulsa Emprego Verde, destinado a mellorar a cualificación de persoas desempregadas galegas -principalmente residentes en núcleos rurais- permanecerá aberto ata o próximo 2 de novembro.
Con esta iniciativa apoiada pola Xunta de Galicia e desenvolvida pola Fundación Santa María la Real trátase de formar persoas para que poidan acceder a oportunidades laborais no eido da economía sustentable.
A oferta formativa impartirase en liña e comprende 32 horas. Inclúe obradoiros e itinerarios personalizados para que os beneficiarios adquiran habilidades de cara a ocupar novos postos de traballo vencellados coa economía verde. Bríndaselles, así, formación en liña e gratuíta a través de sesións grupais, asesoría individual e webinarios profesionais.
Poden participar nesta iniciativa persoas en desemprego de 18 a 65 anos que residan, principalmente, en zonas rurais. Galicia foi unha das tres comunidades autónomas seleccionadas este ano para acoller o programa.
Impulsa Emprego Verde identifica as necesidades formativas relacionadas co emprego verde para mellorar a procura de emprego en sectores con maior proxección profesional.
As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición a través da web: https://areaempleofsmlr.es/empleabilidad/impulsa-empleo-verde/.