"Aventureza no Carballiño", dentro do programa do Outono Xove, unha iniciativa da Xunta e o Ministerio de Igualdade.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, presentou esta mañá no Carballiño a nova edición do programa Outono Xove; iniciativa da Xunta, a través da Consellería de Política Social e Xuventude e co financiamento do Ministerio de Igualdade, en desenvolvemento do Plan Corresponsables. Trátase dun programa de educación non formal durante o outono, co fin de ofrecer alternativas de ocio responsable e seguro á mocidade galega e favorecer a adquisición de competencias transversais, un destes programas vaise desenvolver na residencia de tempo libre do Carballiño, na que se deron cita o alcalde Francisco Fumega e concelleiros do grupo popular no concello carballiñés.
O delegado territorial explicou que o programa conta 900 prazas dispoñibles para que a mocidade galega desfrute de actividades de lecer e formativas durante as fins de semana dos meses de novembro e decembro en albergues xuvenís e residencias de tempo libre situadas en diferentes localidades do territorio galego. Os mozos de entre 14 e 30 anos de idade que desexen anotarse poderán facelo a partir das 10:00 horas, xa aberto o prazo dende o venres 27 de outubro, e a través do formulario de inscrición que se poderá cubrir directamente na páxina web da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
Gabriel Alén sinalou que o Outono Xove volve presentar un amplo catálogo de actividades que se vertebra en oito programas que se desenvolverán noutras tantas instalacións; unha delas na provincia de Ourense: ‘Aventureza no Carballiño II’, na residencia de tempo libre do Carballiño.
Cos programas Outono e Primavera Xove, a Xunta busca desestacionalizar a oferta de tempo libre para a xuventude. Así, ademais da tradicional campaña de verán, ofrécense actividades durante os meses de outubro e primavera.
Outro dos obxectivos deste programa é darlle aos distintos albergues xuvenís e residencias de tempo libre públicas utilidade durante todo o ano.
‘Aventureza no Carballiño’ desenvolverase do 10 ao 12 de novembro para a quenda de mozos e mozas de 14 a 17 anos, e do 24 ao 26 de novembro e do 1 ao 3 de decembro para os mozos e mozas de 18 a 30 anos. As actividades xirarán a carón de rutas e rastrexos culturais e de aventura, xogos populares, xogo de escape no Carballiño, láser tag e tiro con arco.
O número de prazas habilitadas para cada unha destas opcións e fins de semana é de 20 e o programa inclúe aloxamento na residencia de tempo libre, polo que se achega manutención completa desde a noite do venres ata o domingo pola mañá.
Os grupos de participación dividiranse en dous tramos de idade diferentes, posto que haberá grupos con participantes de 14 a 17 anos e outros de 18 a 30. A cota de participación será de 25 euros. Por ser membro de familia numerosa ou monoparental e por ser titular do Carné Xove aplicarase un desconto do 25% sobre o prezo.
As prazas adxudicaranse por rigorosa orde de chegada dos formularios de inscrición ata esgotar todas as dispoñibles por programa.