A Xunta adxudica por preto de 98.000 euros a obra de humanización da praza Eladio Rodríguez de San Clodio, no concello de Leiro.
A Xunta adxudica por preto de 98.000 euros a obra de acondicionamento da praza Eladio Rodríguez, tal e como recolle o convenio de cooperación asinado no marco do plan Hurbe o pasado mes de xullo entre a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde do concello ribeirán, Francisco Fernández.
O espazo no que se realizará a actuación urbanística está situado preto do Mosteiro de San Clodio, declarado no ano 1981 monumento histórico-artístico, e consistirá, fundamentalmente, na pavimentación das zonas oeste e centro da área. Do mesmo xeito, tamén se renovará o mobiliario urbano por medio da colocación de bancos e papeleiras e, ademais, tamén se establecerá unha zona axardinada co fin de crear un espazo de alameda.
Así mesmo, entre os traballos previstos no proxecto tamén está a eliminación dos contedores soterrados existentes para substituílos por outros convencionais, os cales serán recolocados pretendendo a mellor integración posible na contorna. De igual xeito, co fin de humanizar máis o espazo, transformarase a rampla actual nunha escaleira co obxectivo de evitar o paso de vehículos e executarase un pequeno muro de mampostería. Cómpre lembrar que esta actuación, que conta cun prazo de execución de 2 meses, é a quinta comprometida no Concello de Leiro ao abeiro do chamado plan Hurbe, un programa impulsado polo Goberno galego en 2010 co fin de axudar ás administracións locais a financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas