Espazo Común pedirá ante o pleno da corporación unha auditoria de seguridade dos parques infantís do municipio carballiñés.
Na exposición de motivos desta moción, maniféstase que "xa hai tempo abondo que son moi habituais as queixas de pais e nais do noso concello usuarios dos parques infantís". E mesmo fan referencia aos incidentes acontecidos no recén inaugurado de Toscaña por deficiencias no tobogán "que tiñan que ter sido subsanadas antes da súa apertura, non fixeron máis que aumentar o malestar xeral a este respecto".
Desde Espazo Común consideran que "todos deberíamos ser conscientes do sensible que hai que ser con estes espazos no tocante á seguridade e polo tanto de que a obriga desta administración é vixiar co máximo coidado cada detalle, os nenos máis pequenos non entenden de precaución e se non se observan tódalas medidas posibles, os riscos de ter que lamentar algún día unha desgraza elevanse considerablemente".
Tamén sinalan deficiencias no parque da Alameda "onde conviven nunha perigosa combinación nenos de tódalas idades cun excesivo número de vehículos que transita polo entorno non sempre ás velocidades axeitadas. Algunhas das estruturas desta instalación tamén presentan serias dúbidas sobre se garanten a seguridade dos pequenos".
Para Espazo Común tampouco aproban nas súas prestacións "o do Parque Municipal ou os do rural que están direitamente en estado de abandono absoluto ou o dos Catro Camiños que se queda bastante escaso para a demanda existente na principal zona de expansión do noso pobo".
Finalmente e despóis de concluir que é preciso tomar medidas urxentes "para garantir a tranquilidade das moitas familias que empregan estes lugares para o seu lecer e para o crecemento social, intelectual e físico dos seus fillos", a moción que Espazo Común defenderá no pleno municipal desta semana pide o acordo da corporación para que o concello do Carballiño leve a cabo unha auditoria de seguridade nos parques infantís do municipio.