A proxección de "O Corno" e un coloquio coa súa directora abre a programación das Xociviga, que terán lugar do 20 ao 24 deste mes de decembro.
Un ano máis volven as Xociviga (Xornadas de Cinema e Vídeo de Galicia) ao Carballiño, previstas para o mes de Decembro, do Mércores 20 ao Domingo 24, e organizadas polo Concello de O Carballiño. O festival de cinema muda do verán á época do nadal, con 9 sesións cinematográficas no Auditorio Manuel María cunha ampla programación para todos os públicos.
A programación arranca cun pase de balde para os institutos da vila da película galega O Corno. O estudantado contará coa visita da directora Jaione Camborda, coa que terán un coloquio sobre a obra. As xornadas continuarán os seguintes días con cinema español como a aclamada 20.000 Especies de Abejas (2023) dirixida por Estibaliz Urresola Solaguren, película que se alzou este ano como a máis nominada para os Premios Goya cun total de 15 nominacións, e Amigos hasta la muerte (2023) do galego Jaiver Veiga, que rodou escenas durante a “Festa do Pulpo” do Carballiño en 2022.
Tamén contarán con cine internacional como o filme canadiense Falcon Lake (2022), a francesa Scarlet (2022) e a británica Al otro lado del río y entre los árboles (2022) dirixida pola directora española Paula Ortiz, que destacou en 2015 coa súa película La Novia gañadora de 2 Premios Goya.
Na programación para os máis cativos atopamos a española ¡Salta! (2023) protagonizada polo galego Tamar Novas, Hei Buh y el castillo embrujado (2022), e o clásico por excelencia do nadal Solo en Casa (1990).
O prezo das entradas será de 4€ para adultos e de 3€ para nenos e nenas.
Como novidade, esta edición contará cun concurso de microrrelatos de ficción de entre 60 e 120 segundos na plataforma de TIKTOK. O concurso está organizado pola asociación fotográfica do Carballiño O Potiños e está destinado á mocidade da vila (para rapaces e rapazas de 14 a 20 anos). Haberá dous premios: Primeiro Premio dotado de 300€ e Segundo premio de 100€ máis un bono de 50€ no comercio local da vila, en colaboración co CCA do Carballiño. Asemade, o CCA e a hostalaría do Carballiño forman parte da organización dunha ruta de tapas de cine,que se presentará ao longo da vindeira semana.
O Potiños tamén colaborará este ano cunha exposición fotográfica que se poderá ver no concello e nalgúns comercios da vila. Nela poderemos ver fotografías realizadas polos membros da asoaciación en puntos do Carballiño que foron empregados en rodaxes de películas e curtametraxes: como o Parque Municipal en Amigos hasta la muerte, o balneario na serie de Un Asunto Privado de Prime Video ou o concello en Melancolía entre outros.