O PSdeG-PSOE de Leiro acusa a Xunta e concello de ocultar "de xeito deliberado" información das inversións e xestión do hotel do Mosteiro de San Clodio e Spa de viñoterapia.
O PSdeG-PSOE de Leiro acusa á Xunta de Galicia e ao concello de ocultar de xeito “deliberado” información da realidade do investimento e a xestión do hotel do Mosteiro de San Clodio e do Spa de vinoterapia. Os e as socialistas sinalan que tras seis peticións de información solicitadas entre o 2017 e 2023 no Parlamento de Galicia, a única resposta foi o “silencio sepulcral e a ausencia de explicacións ao respecto”.
Dende o grupo municipal socialista reclaman coñecer os “motivos” polo que o investimento inicial previsto entre 1999 e o 2000, cun importe de 2.650.602 euros e financiado inicialmente por dúas consellerías e a Secretaría Xeral de Turismo da Xunta, acabou por converterse ao final do proxecto nun investimento de máis de 11.200.000 euros. Neste senso lembran que a explotación foille outorgada, mediante a sinatura dun convenio por parte da Xunta de Galicia, a orde relixiosa de Samos e o concello de Leiro, ao grupo Hotusa para a súa explotación por un período de 25 anos.
O voceiro do PSdeG-PSOE en Leiro, Manuel Rodríguez Vázquez, destaca que o convenio asinado en 1999 supón “unha carga exaxerada para as arcas municipais”. Cabe destacar que o concello corre a cargo dos gastos de aluguer (9.000 euros anuais), ao que se suma o IPC e o mantemento e conservación das fincas a carón do mosteiro. “A decembro de 2022, o concello de Leiro xa desembolsara máis de 210.000 euros, que saíron das arcas municipais, polo que queremos que o alcalde nos explique que contrapartidas e beneficios tivo este convenio para a veciñanza”, sinala o edil socialista.
Rodríguez Vázquez destaca que o PP “vendeu a bombo e platillo dende a Xunta e o concello que este proxecto sería un motor económico e de dinamización social para Leiro e a comarca, xerando novos postos de traballo”. Tal e como destaca o concelleiro socialista “a realidade é que nestes 23 anos, Leiro perdeu 565 habitantes e non se xerou posto de traballo algún, polo que queremos que o alcalde nos aclare cales foron os beneficios reais para o noso municipio”.
O PSdeG-PSOE de Leiro considera “imprescindible” acceder ás cláusulas que regulan a concesión e a xestión do hotel e spa, xa que tal e como apuntan “hai requirimentos que a empresa Hotusa non está cumprindo e que nin a Xunta, nin o concello, teñen intención de facerlles cumplir”. Os e as socialistas afirman que o PP “antepón os intereses da empresa por riba dos dereitos, dos intereses e do benestar da veciñanza de Leiro”.