O Partido Popular "respecta" a renuncia do portavoz municipal Lino González, pero lamenta o inoportuno momento elixido coincidindo co inicio da campaña electoral.
Punto e final á curta traxectoria de Lino González como portavoz do grupo municipal do Partido Popular no concello do Carballiño, nunha decisión persoal que daba a coñecer esta fin de semana, e na que ademáis de comunicar ao PP a súa renuncia como concelleiro, tamén avanzaba a súa decisión de abandonar toda a actividade política que viña desenvolvendo, tanto a nivel municipal como do Partido Popular, do que formaba parte do seu grupo de asesores na Deputación de Ourense.
A decisión, que se viña barruntando desde fai varios dias, non colleu de sorpresa aos seus compañeiros do grupo municipal nin tampouco ao grupo de persoas máis próximas ao Partido Popular do Carballiño. O pasado martes, nunha entrevista en COPE O Carballiño, Lino González confesaba que botaba de menos a súa vida profesional na entidade bancaria na que traballou ata que iniciou a súa etapa como portavoz do grupo popular no concello carballiñés, "estou fora do banco momentáneamente, pero eu era feliz no meu traballo", declaraba a pasada semana. Dous días despóis, no pleno do concello chamou a atención da corporación a súa actitude pasiva, ata o punto de que actúase como portavoz do grupo popular o concelleiro José Castro-Gil. E tamén resultou moi chamativa a súa ausencia na pegada de carteis coa que se iniciaba a campaña das eleccións ao Parlamento de Galicia, desculpouse de asistir a ese acto por un motivo de saúde.
Non obstante, o momento elixido para oficializar esta marcha non parece o máis oportuno e asi o manifestan desde o entorno do Partido Popular do Carballiño, e tamén desde a dirección provincial dos populares,, ao coincidir co inicio da campaña das eleccións autonómicas, non se entenden as presas repentínas.
A súa nominación como candidato do Partido Popular á alcaldía do Carballiño nas últimas eleccións municipais resultara moi controvertida entre os populares carballiñeses, polo pasado politico de Lino González ligado ao PSOE e a Pachi Vázquez, do que fora asesor no concello do Carballiño. Neses comicios municipais, o Partido Popular con Lino González como número 1 salvou os mobles, conseguíu cinco concelleiros, un máis que no mandato anterior, pero non pudo evitar que Espazo Común -que pasou de 3 a 5- obtivese o mesmo número de concelleiros, incapaces ambos de articular unha alternativa de goberno ao socialista Paco Fumega. Tras tomar posesión da súa acta de concelleiro, estivo despóis varias convocatorias sen acudir ás sesións da corporación.
Coa elección do deputado provincial que lle correspondía ao Partido Popular pola comarca do Carballiño chegou o primeiro sonado desencontro de Lino González co seu partido, desde a dirección provincial apostouse pola alcaldesa de Boborás Patricia Torres para ese cargo, e a decisión levou ao grupo do PP do Carballiño a retirar os avais á candidata proposta polo partido. Posteriormente, o Partido Popular nomeouno asesor do grupo provincial da Deputación.
Agora, tras coñecerse a súa renuncia e o anuncio que abandona toda actividade política, o Partido Popular do Carballiño transmitíu nas súas RRSS un comunicado no que manifesta que " respectamos as razóns de índole persoal de Lino González García, desexámoslle a maior das sortes. Ademáis, agradecémoslle a súa laboura desenvolvida durante estes meses, e especialmente a incorporación de xente con ilusión ao mundo da políltica local".