Besteiro compromete no Carballiño cumprir o modelo socialista "garantir o servizo de pediatría e que non haxa nin un só neno sen pediatra en Galicia"
O candidato socialista á Presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, interveu este domingo nun mitin na casa da cultura do Carballiño, dende onde se comprometeu a que haxa servizo de pediatría axeitado para as necesidades dos nenos e nenas da comarca.
O candidato, que estivo acompañado polo alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e a candidata número 1 pola provincia de Ourense, Carmen Dacosta, ofreceu un mitin no que se centrou especialmente no baleirado de servizos públicos na Galicia interior durante estes últimos 15 anos de goberno do PP na Xunta.
“Comprométome a que non haberá ningún neno sen pediatra no Carballiño, en Ourense, nin en toda Galicia” afirmou un Besteiro que amosou a súa indignación pola situación actual do concello que non conta con nin un só pediatra. Así mesmo, manifestou o seu respaldo á mobilización dos veciños para reclamar este servizo que terá lugar o vindeiro 16 de febreiro. O candidato do PSdeG criticou “as palabras baleiras” de Feijóo e Rueda desta semana en favor da Galicia rural, xa que non entende “como podes dicir defender ao mundo rural, á xente do interior, cando levas 15 anos recortando sistematicamente todos os servizos públicos?”, preguntouse. “A forma de loitar contra o reto demográfico é con máis e mellor sanidade pública, de proximidade, con educación pública e non pechando 1 de cada 10 colexios na última década, con promoción de vivenda e con impulso da economía para crear emprego”, engadiu Besteiro.
O candidato socialista remarcou as propostas que teñen no seu programa de cara a mellorar a atención primaria, como o establecemento dun máximo de 48 horas para ser atendido polo médico de cabeceira, ou a incorporación de novos servizos nos PAC, como o de saúde mental. “Ese é o modelo socialista para evitar que haxa unha Galicia de dúas velocidades, exactamente o contrario do que fai o Partido Popular”, remarcou. Besteiro tamén apuntou á necesidade de reforzar o sistema de pensións público con “remuneracións axeitadas que permitan ter unha vida digna no último tramo da vida”.
Para o socialista non é entendible que nin o PP nin o BNG votaran a favor da suba das pensións no Congreso dos deputados, “é algo que deben explicar a todos os pensionistas galegos”, engadiu. Tamén criticou as palabras de Rajoy que estivo este mesmo sábado no Carballiño, sendo que o ex presidente popular declarou que “ou goberna o PP ou entran os malos”. Para Besteiro estas palabras amosan “o sectarismo que teñen no Partido Popular” e que nunca pensaron en gobernar para todos, só en confrontar e dividir á sociedade”. “Quen pensa que o mundo divídese entre bos e malos, demostra que non é digno de gobernar aos galegos”, sentenciou.