O concello de Leiro recibe a colaboración da Xunta para a rehabilitación socio-cultural do monumento natural de Pena Corneira
A Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, destinará 42.350 euros para, en colaboración co Concello de Leiro, a realización de actuacións encamiñadas á procura da rehabilitación socio-cultural da contorna de Pena Corneira, para poñer de relevo o seu valor patrimonial.
As accións a implementar estarán vencelladas co estudo da potencialidade arqueolóxica da zona, así como con obras de escavación na propia torre de Pena Corneira, que forma parte dos restos do Castelo de Pena Corneira. Os traballos que se levarán a cabo dentro desta iniciativa inclúen a limpeza e roza vexetación da zona de actuación e a súa contorna máis inmediata.
No marco deste convenio realizarase unha escavación que permitirá exhumar os restos arqueolóxicos e estruturais da fortificación. Esta actuación tamén facilitará a diagnose e consolidación das estruturas exhumadas; así como a documentación fotográfica e planimétrica das actuacións e a divulgación entre a comunidade local. Cabe sinalar que todas as accións se realizarán baixo un exhaustivo control arqueolóxico, co fin de protexer e preservar todas as achegas atopadas.
Pena Corneira
Cómpre lembrar que Pena Corneira é o monumento natural con maior extensión de toda a comunidade, xa que abrangue unha superficie dunhas 998 hectáreas e un cumio de 674 metros de altura. Trátase dun macizo granítico cun gran valor arqueolóxico, forestal e patrimonial.