O gaiteiro carballiñés levará a "muiñeira do polbo" na súa xira internacional a New York, New Jersey ou Barcelona.
O gaiteiro carballiñés, Isidro Vidal, embarcarase nunha emocionante xira internacional, marcando o inicio do seu “Todo ou Nada Tour”. Esta xira levará a súa música única e vibrante a diversas cidades este mes de marzo.
Co seu último álbum, “Todo ou Nada”, Vidal conquistou a escena musical, e agora prepárase para compartir a súa arte con audiencias de todo o mundo. A xira comezará cun concerto especial na tenda carballiñesa OzocoGz, onde os asistentes poderán gozar da súa música nun ambiente íntimo, seguido dunha firma de discos e unha animada foliada.
Un dos puntos destacados da xira será a interpretación da súa composición “Muiñeira do Polbo”, que cruzará o charco para ecoar nos Estados Unidos. Esta peza porma parte do seu extenso repertorio, que inclúe máis de 400 composicións musicais, resultado do seu proxecto #composicion365 realizado en 2018.
A elección do polbo como símbolo distintivo da xira non é casual. Este molusco non só é o prato distinguido do Carballiño, o pobo natal de #Vidal, senón que tamén representa un símbolo arraigado na cultura e vida do artista. O polbo convértese así nun elemento significativo que conecta a música de Isidro coas raíces da súa terra. A xira continuará con actuacións en cidades estadounidensas como Brooklyn, Manhattan (New York) e Newark (New Xersei). Ademais dos concertos, Vidal impartirá masterclass de música tradicional galega e abrirá dúas Irish Sessions, enriquecendo aínda máis a experiencia cultural.
De regreso, a xira continuará en España con concertos en Ponteareas e Barcelona. Isidro Vidal, gaiteiro urbano do século XXI, fusiona a tradición oral con estéticas modernas, utilizando a gaita galega como o seu instrumento principal. A súa música, de creación propia, distínguese pola incorporación de tecnoloxía e unha técnica instrumental depurada. Vidal, que forma parte da xeración de gaiteiros que revoluciona a música galega, non só destaca como artista senón tamén como profesor de música tradicional no Centro Superior de Música de Galicia e outras escolas de música das provincias de Ourense e Pontevedra.