Marisa Crespo Leiro, natural de Santrós-Cea, será Filla Predilecta da Provincia en recoñecemento pola súa traxectoria como "referente mundial na insuficiencia cardíaca e os transplantes de corazón".

27, Marzo 2024

A Deputación de Ourense vén de iniciar a incoación do expediente de honra a favor da doutora ourensá Marisa Crespo Leiro co obxecto de concederlle o título honorífico de Filla Predilecta da Provincia, tal e como ven de publicar o Boletín Oficial da Provincia.

O Pleno da Corporación Provincial, na sesión ordinaria do 24 de febreiro de 2023, acordara incoar este expediente que agora xa é efectivo coa apertura tamén do prazo de adhesións, que deben facerse chegar, antes do 30 de abril de 2024, a través do Rexistro Xeral da Deputación, correo ordinario, correo electrónico (marisa.crespo@depourense.es) ou a través da páxina web www.depourense.es.

Marisa Crespo Leiro (Santrós-Cea, 1961), é un referente mundial no ámbito da insuficiencia cardíaca e os transplantes de corazón. Licenciada en Medicina pola Universidade de Santiago de Compostela e doutorada pola Universidad Autónoma de Madrid, é xefa do servizo de insuficiencia cardíaca do Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña, coordina o grupo de investigación de IC avanzada e TC do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC). Tamén é xefa de grupo no CHUAC do Centro de Investigación Biomédica en Red Cardiovascular (CIBERCV) do Instituto da Saúde Carlos III.

Leva publicados máis de 250 artigos e impartiu docencia en distintas facultades de Medicina. Recoñecida en diferentes ámbitos internacionais e asociacións de Cardioloxía ata o ano 2016, a doutora Crespo-Leiro presidiu a sección de Insuficiencia Cardíaca e Transplante Cardíaco da Sociedade Española de Cardioloxía entre o ano 2003 e o 2006. Tamén foi recoñecida pola Xunta de Galicia coa Medalla Castelao e nomeada filla predilecta do seu concello de nacemento, San Cristovo de Cea.