Conmoción nas parroquias de Punxín, Freás, Ourantes, Lás, Treboedo, Armeses, Rañestres e Piñeiro, polo falecemento repentino do seu Párroco J. Victor Bernárdez, aos 42 anos.
A noticia do falecemento do sacerdote, que foi transcendendo neste día de venres santo, causou un fondo pesar na comarca do Carballiño, e especialmente sentida entre a veciñanza das parroquias das que era o seu Cura-Párroco, as de Santa María de Punxín, Santa María de Freás, San Xoán de Ourantes, San Cibrán de Lás, Santa Comba do Treboedo, San Miguel de Armeses, San Mamede de Rañestres e San Xoán de Piñeiro, repartidas todas elas entre os concellos de Punxín, San Amaro e Maside.
A morte de José Victor Bernárdez Rodríguez foi repentina e por causas naturais cando se encontraba no seu domicilio de Razamonde, será o resultado da autopsia o que determine a causa concreta do óbito.
Nacido en maio de 1981 en Razamonde (Cenlle) foi ordenado presbítero o 16 de xuño de 2007 e o seu primeiro destino foi como Formador no Seminario Menor de Ourense. Despois desa etapa que durou 5 anos, encargouse da maioría das parroquias nas que continuaba na actualidade.
Será velado desde as 12 do mediodia deste sábado dia 30 de marzo no tanatorio Veracruz, no parque empresarial do Carballiño. A condución será o lúns dia 1 de abril ás once media da mañá ao Templo da Veracruz, onde terá lugar o funeral, para recibir posteriormente sepultura no panteón familiar do cemiterio de Razamonde.
A comisión de festas do San Wintila de Punxín, da que o párrroco finado era un gran colaborador, xa comunicou que quedan suspendidas todas as actividades festivas que estaban programadas para a celebración deste ano, que deberían ter lugar o lúns dia 8 de abril.