A Deputación de Ourense pon en marcha un programa para fomentar a práctica deportiva nos concellos da provincia. Levaráse a cabo de maio a outubro durante as fins de semana.
A Deputación de Ourense pon en marcha o programa “Vive o deporte” para continuar a fomentar a práctica deportiva prioritariamente entre o alumnado ourensán, “conscientes da importancia que ten para o deporte base e, ademais, para o desenvolvemento persoal de cada mozo e moza”, explicou o presidente provincial, Luis Menor na presentación desta iniciativa no Pazo dos Deportes Paco Paz, acompañado director da Área de Cultura e Deporte, Marcos Vázquez, o asesor de Deportes, Diego Enrique Álvarez e representantes de Federacións deportivas.
“Con esta iniciativa -que organizamos en colaboración con federacións, clubs e asociacións deportivas ourensás-, tamén pretendemos inculcar entre o alumnado a infinidade de valores que están ligados á práctica deportiva”, engadiu Luis Menor.
Coa posta en funcionamento desta iniciativa, dotada cun orzamento de 80.000 euros, “conseguimos materializar esa vocación do noso goberno de impulsar e fomentar a práctica deportiva na provincia, achegando actividades aos concellos que, de algún modo, máis precisan a nosa colaboración pola súa situación demográfica”, salientou o presidente provincial.
Desenvolvemento do programa
O programa desenvolverase entres os meses de maio a outubro de 2024 e serán as propias federacións deportivas e clubs os encargados de executalo. Estas actividades lúdicas e formativas desenvolveranse durante as fins de semana de 10.00 a 14.00 horas.
Nesta primeira edición, os deportes que se practicarán serán: tenis de mesa, ximnasia en varias modalidades, hockei, balonmán, patinaxe, baloncesto, fútbol feminino, deportes náuticos, volei, bádminton, tenis, atletismo, escalada e xadrez. Trátase dun programa concibido e deseñado para os escolares da provincia, pero aberto nalgunhas disciplinas deportivas a toda a veciñanza.
As Federacións deportivas promocionarán as actividades nos centros escolares e concellos dos lugares onde se desenvolvan, onde á súa vez poderán inscribirse os interesados.
“Vive o deporte” é “un programa aberto e polo tanto, aqueles concellos que inicialmente non estean neste calendario poderán solicitar a súa integración. Nesta primeira edición, encargámonos de garantir que se chegue a todas as comarcas cunha atención especial cara a aquelas con maior despoboamento”, explicou o presidente da Deputación.
As xornadas serán impartidas prioritariamente en espazos abertos ao público, sempre e cando, as esixencias técnicas deportivas así o permitan, de xeito que sexa unha actividade atractiva da que poidan desfrutar todos, participantes e público en xeral.