O Servizo municipal de emerxencias do Carballiño sae á rúa. Traballadores do Servizo concentráronse ás portas do Concello clamando por unha solución
Hoxe traballadoras e traballadores do Servizo municipal de emerxencias concentráronse na Praza Maior do Carballiño, diante do Concello, mentres se celebraba o pleno ordinario de abril. Entre berros e pancartas de “solución xa” ou “queremos a mesa de negociación” reivindicábase unha vez máis a necesidade de que se dote de persoal e material ao Servizo para evitar que os cidadáns paguen as consecuencias.
No interior do salón de plenos, dous representantes dos traballadores puideron intervir no medio dunha moción presentada para reclamar estes equipos de protección. A moción foi finalmente aprobada por unanimidade e na mesma solicítase a dotación de EPIs e a convocatoria dunha mesa de negociación.
Jonathan Domínguez, voceiro dos traballadores, asegura que “o goberno municipal nos obriga a endurecer as nosas protestas xa que seguen instalados na pasividade absoluta”. Seguese reclamando unha mesa de negociación para debater as reivindicacións pero tras máis dun ano pedíndoa non ten data. “Convocáronse mesas para outros asuntos e agora convocouse a de produtividade, pero de nós seguen pasando absolutamente”, asegura Domínguez. “O clima de crispación vai en aumento e as traballadoras e traballadores do Servizo non imos dar ningún paso atrás, eles decidiron chegar a este punto e iremos ata onde haxa que ir”, afirma o voceiro.