O carballiñés Argimiro Marnotes, novo deputado do Parlamento de Galicia, tras a renuncia ao escaño da exconselleira Elena Rivo
A exconselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo presentou esta mañá a súa renuncia á acta ante a Mesa da Cámara, polo que non continuará ocupando o escaño que obtivo nas eleccións do pasado mes de febreiro, nas que o Partido Popular obtivera 8 escaños pola provincia de Ourense.
Esta renuncia fai que corra a lista, e polo tanto accederá ao Parlamento de Galicia como novo deputado o número 9 da candidatura do Partido Popular pola provincia de Ourense, que corresponde ao carballiñés Argimiro Marnotes, ex alcalde do Carballiño e na actualidade presidente do CD Arenteiro.
Desta maneira, o Partido Popular do Carballiño volve ter representación no Parlamento de Galicia, algo que non sucedía desde fai anos atrás, cando Aurelio Miras e Loli Seijas formaran parte da Cámara Galega.