Parece que as augas non volven ao seu carril no Concello de O Irixo
Con bo ou mal tempo, ultimamente os ríos sempre arrastran pedras e pólas que engarran en cada esquina e causan grandes derramas á xente que traballa ás beiras dos regatos. A chegada das harpías de plumaxe escuro ó poder, trouxo fortes tormentas que destrúen a pouca vexetación verde e colorida que quedaba na paisaxe.
Os labregos, que dende fai anos cultivan froitos coas sementes dos antergos, ven podrecer as súas hortas polas pestes e parásitos da política municipal.
Semella que sofren dun mal de ollo botado polo bo traballo, polo esforzo de manter vivas as nosas raíces. Raíces coas que moitos paxaros engalanados que non saben piar nin contar, se envelenan con só velas medrar.
Os labregos non levantan cabeza. En tempos pasados e case esquecidos, presumían de recolleitas xenerosas que lles permitían seguir alimentando aos máis cativos do fogar, ao futuro do pobo. Sen embargo, as novas xeracións afectadas pola mingua de provisións, quedan sen alento e sen o pan que só se coce no forno do Concello.
Mal porvir lle espera a estes labregos se non cambian as tornas. Ou pode que estas tornas as teñan que cambiar eles á man.