A Serra de Pena Corneira convértese no cuarto monumento natural de Galicia en contar cun plan de xestión para a súa conservación e protección
A Serra de Pena Corneira converteuse hoxe no cuarto monumento natural de Galicia en contar cun plan de xestión no que se identifican os valores a protexer, os posibles riscos, as normas de uso de aproveitamento do solo e dos recursos naturais así como as condicións de uso público deste espazo.
O Diario Oficial de Galicia publica hoxe, tralo seu paso polo Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible (Cogamads) e a súa aprobación polo Consello da Xunta, o decreto polo que a Serra de Pena Corneira -situada entre os concellos ourensáns de Carballeda de Avia, Leiro e Avión- se suma á Praia das Catedrais, ao Souto da Retorta e á Fraga de Catasós como monumentos naturais que contan con este instrumento para garantir a conservación e boa xestión dos seus valores naturais.
Tal e como lles explicou a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, aos alcaldes de Carballeda de Avia, Luis Milia; Leiro, Francisco José Fernández, e Avión, Antonio Montero, nunha reunión que mantiveron hoxe, na que tamén estivo o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, este instrumento de regulación inclúe dúas liñas estratéxicas.
A primeira céntrase na mellora e restablecemento do estado de conservación dos valores xeomorfolóxicos, da paisaxe, dos hábitats e especies deste espazo, apostando por accións de conservación mentres que a segunda incide no aproveitamento sostible do monte, no uso público e na difusión dos valores deste espazo promovendo unha xestión ordenada e favorecendo unha maior sensibilización ambiental.
A directora xeral subliñou que o documento prevé distintas actuacións con este obxectivo como a realización dun inventario dos valores xeomorfolóxicos existentes no ámbito deste monumento, o establecemento de acordos coas mancomunidades de montes para o fomento da súa conservación, o mantemento silvícola sostible e a mellora da conectividade dos hábitats naturais así como a análise da compatibilidade dos usos públicos.
Nesta liña, a zona conta con importantes masas forestais de uso privado nas que tradicionalmente se realizan actividades como a recollida de castañas, piñas ou cogumelos. En canto ao uso público dos espazos integrados no monumento natural, adoitan realizarse distintas actividades de lecer ou deportivas pois conta, entre outros, con sendeiros, área recreativa, área de descanso, miradoiro e distintos sectores habilitados para a práctica da escalada.
A maiores, Díaz salientou que o Plan de xestión do monumento natural Serra de Pena Corneira terá unha vixencia indefinida, sen prexuízo da posible actualización de acordo coas necesidades e coas medidas de seguimento que correspondan. De feito, o propio documento establece un programa de seguimento que permitirá determinar o nivel de desenvolvemento e o grado de cumprimento así como a eficacia das actuacións incluídas mediante a análise e valoración de distintos indicadores.
Espazo protexido
A Serra de Pena Corneira foi declarada monumento natural no ano 2007 e forma parte da Rede de Espazos Protexidos de Galicia, conformada por 97 enclaves. De feito, con 997 hectáreas de extensión, é o monumento natural de maior extensión da comunidade.
A importancia deste espazo radica na súa peculiar xeomorfoloxía, especialmente na diversidade da composición e cristalización dos granitos que provocou neste macizo, unha evolución da paisaxe caracterizada por formas rochosas. A serra conta cunha complexa asociación de formas xeolóxicas que teñen un interese especial pola singularidade e importancia dos seus valores científicos, culturais e paisaxístic