A Festa de Exaltación do Pan de Cea chega á súa XXXI edición esta próxima fin de semana. Consulta aquí toda a programación.
A Festa de Exaltación do Pan de Cea celebra esta fin de semana a súa edición número 31, durante a que “poremos a disposición do público máis de 1.500 pezas”. Así o indicou esta mañá o presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pan de Cea, Carlos Rodríguez, durante a presentación da XXXI Festa de Exaltación do Pan de Cea, que terá lugar este 6 e 7 de xullo no Campo da Saleta de San Cristovo de Cea.
Unha rolda de prensa na tamén participaron o deputado provincial de Representación Institucional e presidente do Inorde, Rosendo Fernández; o alcalde de San Cristovo de Cea, José Luís Valladares; e a pregoeira deste ano Lucía Rodríguez. Tanto Fernández como Valladares coincidiron en gabar as calidades deste produto con indicativo de calidade e auguraron un novo éxito de convocatoria para esta exaltación gastronómica.
Rosendo Fernández destacou a importancia dun dos produtos máis senlleiros da provincia e recalcou “a perfecta simbiose entre Cea e o seu pan”. Así, puxo en valor que “Pan de Cea é a primeira Indicación Xeográfica Protexida de pan creada en Europa”, lembrando o feito de que mesmo recibiu antes esta distinción a nivel europeo que a nivel nacional. Así mesmo, destacou o carácter “socializador” deste tipo de festividades.
Pola súa banda, José Luís Valladares agradeceu “o apoio desde sempre” da Deputación de Ourense á Festa de Exaltación do Pan de Cea e puxo en valor tamén o traballo realizado por Carlos Rodríguez á fronte do Consello Regulador. Ademais de convidar a toda a cidadanía a participar nunha festa que xa supera as tres décadas de historia, Valladares destacou que o Pan de Cea comercialízase en todo o mundo: Estados Unidos, Italia, Xapón... e ten moitos seguidores: “sabemos que o comeu ata Fidel Castro e que a raíña Sofía o pedía sempre que tiña ocasión”.
Programa da XXX Festa de Exaltación do Pan de Cea
O presidente do Consello Regulador, Carlos Rodríguez, foi o encargado de presentar o programa definitivo de actividades para esta fin de semana, cuxas liñas xerais foron presentadas a semana pasada na Casa de Galicia de Madrid. Un acto que “é a primeira vez que se celebra en Madrid e que coincidiu coa derradeira participación do presidente da Casa de Galicia en Madrid, Javier Vázquez, a quen lle agradecemos a súa colaboración”, apuntou Rodríguez.
A xornada grande, o domingo 7 de xullo, abrirase cun pasacalles ás 10.00 horas. Ás 12.00 horas terá lugar a recepción de autoridades no Campo da Saleta. A continuación inaugurarase a exposición “O Mosteiro de Oseira visto pola A.F. Potiños”, no centro multiúsos de San Cristovo de Cea. Unha escolma de fotografías realizadas polos integrantes desta asociación fotográfica de O Carballiño durante unha visita realizada hai uns meses ao Mosteiro de Oseira.
Ás 13:00 horas terá lugar o pregón da XXXI Festa de Exaltación do Pan de Cea, que este ano correrá a cargo de Lucía Rodríguez, xornalista e presentadora de televisión. Nada en Castro Caldelas e filla de panadeiros, esta xornalista ourensana ten traballado en distintos medios de comunicación como Onda Cero, Antena 3 Televisión, La Sexta ou TVG, onde traballou en distintos programas nos últimos dez anos e onde presenta actualmente o programa Sabadeando.
Unha vez finalizado pregón terá lugar unha degustación de produtos galegos con distintivo de calidade e a entrega de agasallos dos colaboradores. Feitizo de Pau e a Agrupación Tradicional de Mosende encargaranse da ambientación musical.
Xa ás 14.30 horas terá lugar o tradicional xantar organizado coa degustación de produtos galegos con indicativo de calidade como empanada da IXP Ternera Gallega, polbo á feira e carne ao caldeiro da IXP Ternera Gallega con IXP Pataca de Galicia e IXP Castaña de Galicia, acompañado polo Pan de Cea tamén con IXP. De sobremesa, queixos das DOP de Galicia, acompañados coa IXP Mel de Galicia, Requeixo das Neves con marmelada Nela Biosense, IXP Tarta de Santiago e, finalmente, café. Todo regado con Sidra de IXP Agricultura Ecolóxica de Galicia, viños galegos con Denominación de Orixe e Augardentes e Licores Tradicionais de Galicia. “So temos capacidade para que acudan cincocentas persoas”, concretou Carlos Rodríguez.
Ás 19:00 horas, verbena popular coa actuación de La Noria. Durante toda a xornada, haberá un espazo expositivo no que participarán unha vintena de empresas de diversos sectores. Artesanía e gastronomía daranse cita nesta mostra feiral, que se complementará cun posto institucional onde estarán expostos produtos amparados por distintos Consellos Reguladores agroalimentarios galegos e co stand do Instituto Ourensano de Desenvolvemento Económico (Inorde).
X Ruta dos Fornos e animación musical
O sábado 6 de xullo terá lugar a décima edición da Ruta dos Fornos. “O público poderá visitar os sete fornos antigos gozando de experiencias gastronómicas singulares en cada un deles, pois hainos de máis de 200 anos, que xa non se utilizan para elaborar pan pero poden visitarse para coñecer como se facía o pan daquela”, concretou o presidente do Consello Regulador, que salientou que “o ano pasado superamos o milleiro de visitantes”. A X Ruta do Fornos poderase percorrer entre as 18.30 e as 22.30 horas. Os tickets estarán á venda nos bares e no Concello de Cea durante os próximos días. Son limitados e o propio sábado haberá algúns á venda na Praza Maior de Cea. As propostas gastronómicas nos sete fornos participantes son as seguintes:
A) Forno do Lodairo: pepito de IXP Ternera Gallega con DPO Pemento de Herbón, embutidos tradicionais, viño branco e tinto, auga e cervexa Estrella Galicia
B) Forno do Parapeta: mexillóns ao vapor e á vinagreta, embutidos tradicionais, viño branco e tinto e auga
C) Forno do Santo: empanada da IXP Ternera Gallega, embutidos tradicionais, viño branco e tinto, auga e cervexa Estrella Galicia
D) Forno do Abade: queixos das DOP Tetilla, Arzúa Ulloa e San Simón da Costa, embutidos tradicionais, viño branco e tinto e auga
E) Forno da Cebola: tortilla de IXP Pataca de Galicia, embutidos tradicionais, viño branco e tinto, auga e cervexa Estrella Galicia
F) Forno da Eira: xamón a corte, embutidos tradicionais, viño branco e tinto e auga
G) Forno da Cruz: Tarta de Santiago, Chocolate de Oseira con Pan de Cea, rebanada de Pan de Cea con marmelada extra de kiwi e cenoria nela Gourmet, embutidos tradicionais, viño branco a tinto e auga
A X Ruta dos Fornos contará coa animación musical de Feitizo de Pau (Cea), a agrupación tradicional de San Xurxo de Mosende (O Porriño), Candaira (Castrelo do Val), Os Teimosos de Villasobrosa (Mondariz) e Pandereteiras do Forrollo (Vilar de Vaca, Cartelle). A maiores, o mago Pable Estévez ofrecerá un espectáculo de animación de rúa.
A partir das 19:30 horas, a Praza da Cebola acollerá un concerto da Agrupación de Amigos do Acordeón de Celanova. Finalmente, a Praza Maior de San Cristovo de Cea acollerá a partir das 22:30 horas un concerto do grupo de versións Los Camachuelos, mentres que Mega Disco Móbil LB encargarase do fin de festa a partir da medianoite.
Un millón de pezas
Finalmente, con respecto á comercialización de produtos da IXP Pan de Cea, Carlos Rodríguez indicou que “cando comecei a traballar en Pan de Cea as nosas vendas era de 150.000 pezas ao ano. O ano pasado superamos s 750.000 e agardo chegar ao millón de pezas vendidas antes da miña retirada”. Rodríguez fixo fincapé no “peso da historia e a tradición do Pan de Cea, un pan artesanal cuxa tradición pasa de pais a fillos”.
Na actualidade os fornos tradicionais inscritos no Consello Regulador son trece, os mesmos que o ano pasado. Algúns destes fornos distribúen o 80% da súa produción fóra de Galicia.