A localidade italiana Noventa Padovana formaliza o irmandamento co Carballiño para asistir á Festa do Pulpo. Consulta aquí toda a programación.
A Comune de Noventa Padovana, localidade italiana próxima a Venecia, formalizou durante o día de onte o irmandamento co Concello do Carballiño para asistir de forma oficial á Festa do Pulpo. Máis en concreto, unha delegación italiana presenciará a preparación da tapa máis grande do mundo, o 6 de agosto. Tal e como se explica dende a Comune, “será un momento de intercambio e crecemento mutuo que fortalecerá aínda máis esta nova amizade”.
O Concello carballiñés devolverá a visita no mes de outubro, coincidindo coa celebración da Fiera do Folpo, con características similares á festa que xa conta coa declaración de interese turístico internacional e acada este ano a súa edición número 62, dedicada á Denominación de Orixe Ribeiro.
O consigliere de Noventa Padova, David Iafelice, mostrou a súa satisfacción co irmandamento e a resposta recibida polas autoridades do Carballiño: “Recoñeceron o valor histórico e gastronómico da nosa celebración, aceptando con gran entusiasmo a nosa proposta para unir os noso lazos”.
O Concello do Carballiño levou a aprobación do pleno este irmandamento o pasado 18 de xullo, se ben o proceso iniciouse meses antes. Foi no mes de abril cando Iafelice, impulsor da iniciativa, xunto coa presidenta del consiglio comunale, Marguerita Franceschi, mantiveron unha videochamada coa alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e o concelleiro de Turismo, Manuel Dacal, na que sentaron as bases desta unión. A Fiera do Folpo aspira a lograr a declaración de Festa de Interese Turístico Internacional e a súa visita á Festa do Pulpo servirá como fonte de inspiración.
Viño, pulpo e música folk: a perfecta maridaxe
A programación da Festa do Pulpo do Carballiño combinará nesta edición a degustación do exquisito pulpo do Carballiño, do mellor do viño do Ribeiro e a mellor música folk, destacando a actuación de Óscar Ibáñez & Tribo, unha das bandas de folk máis destacadas de Galicia e que presentará o espectáculo Tribal 20 para celebrar dúas décadas de traxectoria. Será o 11 de agosto, ás 23.00 horas na Praza Maior.
Ademais, ao longo destes 15 días de programación, os asistentes á celebración poderán disfrutar de actuacións como as de Os Biruxes, Isidro Vidal, Terras do Arenteiro, Coribantes, Canta nas Croas, Cantareiras Madialeva, Auskelga ou Amigos do Acordeón Terras de Celanova, entre outros, algunhas delas dentro do Festival Folclórico de Música e Danza Tradicional, o mesmo día da Festa do Pulpo no Parque Municipal. En total, serán una quincena de grupos de música folk e tradicional os incorporados ao programa oficial, sen contar os de outros estilos musicais.
Outro dos puntos fortes do programa será a Mostra de Viños que terá como escenario a Praza Maior do Carballiño os días 3 e 4 de agosto en horario de 12.00 a 21.30 horas. Contarase coa participarán 6 bodegas: Arco da Vella-Adega do Eladio, Adega Viña-Carpazal, Eduardo Bravo, Casal de Armán, Pazo Tizón e Oryctes.
A Festa do Pulpo arrancará xa o día 30 de xullo con actividades para os máis pequenos, todos os días desa semana en horario de 19.00 a 21.00 horas na praza da Veracruz. O día 2 de agosto programouse unha ruta nocturna aos petroglifos de Cangues, organizada polo centro de estudos Chamoso Lamas.
O día 5 de agosto, tamén na Praza Maior do Carballiño actuará Clon Mela e será o día 6 de agosto cando chegue un dos momentos máis esperados: os pulpeiros e pulpeiras intentarán bater un ano máis o recórd da tapa máis grande do mundo. Será a partir das 19.00 horas. Pola noite actuará grupo Soul&Roll.
O mércores 7 de agosto será a Orquesta América na que actúe neste mesmo escenario dende as 23.00 horas e o xoves 8 de agosto será o momento do Combo Dominicano na Veracruz. O fútbol tamén ten un espazo destacado na programación da Festa do Pulpo e o venres 9 de agosto o Artenteiro xogará co Pontevedra en Espiñedo a partir das 19.30 horas. Pola noite actuará a Disco Móbil Gramola.
O sábado 10 de agosto terá lugar a Festa das Camisetas, dende as 17.00 horas na Praza Maior.-
E para do día grande, o 11 de agosto, este serán os actos:
-A partir das 11.00 horas no Parque Municipal e nas rúas da vila actuarán charangas e grupos de música tradicional dende as 11.00 horas.
-De 12.00 a 18.00 horas no Parque Municipal: Festival folclórico de música e danza cos grupos Coribantes, Canta nas Croas, Cantareiras Madialeva e Auskelga.
-Ás 20.30 horas na Praza Maior: Concerto Amigos do Acordeón Terras de Celanova.
-Ás 23.00 horas na Praza Maior. Concerto de de Óscar Ibáñez & Tribo