A recuperación da Ponte Mandrás contribúe a preservar o patrimonio histórico do Camiño ao seu paso pola comarca do Carballiño

28, Xullo 2024

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles acompañado do delegado da Xunta de Galicia na provincia de Ourense, Manuel Pardo, e o alcalde de San Cristovo de Cea, José Luis Valladares, supervisaron as obras executadas de recuperación de Ponte Mandrás, nas que a Xunta investiu preto de 145.0000 euros. Durante a visita, Xosé Merelles puido constatar como a actuación realizada contribúe a preservar o patrimonio histórico do Camiño e garante a seguridade dos peregrinos e usuarios desta infraestrutura.

As obras acometidas permiten agora que o usuario ou peregrino poida realizar un itinerario continuo e funcional, ao tempo que se puxo en valor infraestrutura orixinal de paso sobre o leito do río Barbantiño. Deste xeito, procedeuse ao descubrimento do pavimento orixinal, retirando terras e materiais aplicados ou sedimentados ao longo dos anos. Ademais, rehabilitouse o solado existente e modeláronse 30 pezas de nova achega para minimizar as depresións actuais do pavimento.

Unha vez realizada a actuación, a rasante resultante foi avalada polos técnicos e arqueólogos da Dirección Xeral de Patrimonio (DXP), que ratificaron a súa recuperación, así como a posta en valor deste elemento patrimonial datado no Século XIII.

Ademais, esta actuación permitiu manter e garantir as condicións de acceso e seguridade para quen habitualmente ten que utilizala como paso sobre o río ou para aqueles peregrinos que deciden percorrer a Vía da Prata.

Ponte Mandrás está situada no antigo Camiño Real que unía Ourense con Santiago de Compostela e por ela discorre a Vía da Prata. Foi declarada Ben de Interese Cultural con categoría de Monumento Histórico e Zona Arqueolóxica a favor das Pontes Históricas de Galicia en 1991. No que vai de ano, máis de 5.275 peregrinos recorreron xa a Vía da Prata. En 2023, esta ruta foi elixida por 7.965 persoas.