O Museo do viño de Galicia acolle a presentación da 62 Festa do Pulpo, dedicada ao Ribeiro
O pulpo do Carballiño sempre estivo vencellando ao viño do Ribeiro e nunca faltou nas mesas do xantar popular que se celebra o segundo domingo de cada mes de agosto. Por iso, e tal e como explicou o concelleiro de Turismo, Manuel Dacal, no acto de presentación que tivo o Museo do Viño de Galicia como escenario singular emprazado en Santo André de Camporredondo, “é de xustiza dedicarlle á Denominación de Orixe esta 62 edición, a terceira que conta coa declaración de Festa de Interese Turístico Internacional”.
O edil quixo estender a homenaxe “aos seus protagonistas, os pulpeiros e pulpeiras, viticultores e bodegueiros que souberon perpetuar unhas antigas tradicións e convertelas en símbolos de excelencia gastronómica na Galicia do século XXI”. No acto tamén interviñeron o alcalde en funcións do Carballiño, Pepe Castro; o alcalde de Ribadavia e vicepresidente da Deputación de Ourense, César Fernández, e a presidenta do Consello Regulador da D. O. Ribeiro, Concha Iglesias.
Castro explicou que é fundamental seguir potenciando estes produtos e manifestou o “gran orgullo que supón a unión entre O Carballiño e O Ribeiro” e manifestou a intención de seguir loitando para que a festa, que conta dende o 2022 coa declaración de interese turístico internacional, siga medrando.
O rexedor de Ribadavia e vicepresidente da Deputación subliñou a importancia de “institucionalizar a relación ancestral entre o pulpo do Carballiño e o viño do Ribeiro e que estas dúas comarcas vaian da man polos recursos que temos en común, que nos converten en destino único”.
Concha Iglesias agradeceu ao Concello do Carballiño que tivera en conta ao viño do Ribeiro, porque “co pulpo non hai mellor maridaxe” e engadiu que esta festa é un lanzamento ao exterior, “unha forma de patrocinarnos de xeito internacional”.
No acto de presentación tamén se puxo en valor a simboloxía do cartel da Festa do Pulpo deste ano, no que a artista carballiñesa Ari Quintas mestura un acio de uvas nunha tapa de talladas de pulpo, como unha representación da simbiose que existe entre ambos produtos. Os asistentes á presentación tiveron ocasión de probar o exquisito pulpo de Carballiño nos exteriores do Museo do Viño de Galicia, xa que ata o lugar se desprazou unha pulpeira.
Seis bodegas participarán na Mostra de Viños
A programación desta edición da Festa do Pulpo ten moi resente aos bodegueiros e por iso organizouse a Mostra de Viños que terá como escenario a Praza Maior do Carballiño os días 3 e 4 de agosto en horario de 12.00 a 21.30 horas. Contarase coa participación de 6 bodegas: Arco da Vella-Adega do Eladio, Adega Viña-Carpazal, Eduardo Bravo, Casal de Armán, Pazo Tizón e Oryctes.
A música tamén será un dos pratos fortes do programa. En total, ao longo dos 15 días de festa actuarán una quincena de grupos de música folk e tradicional, sen contar os de outros estilos musicais. Entre eles destacará a de Óscar Ibáñez & Tribo, unha das bandas de folk máis destacadas de Galicia e que presentará o espectáculo Tribal 20 para celebrar dúas décadas de traxectoria.
Será o día 6 de agosto cando chegue un dos momentos máis esperados: os pulpeiros e pulpeiras intentarán bater un ano máis o recórd da tapa máis grande do mundo, a partir das 19.00 horas. E para do día grande, o 11 de agosto, programáronse actuacións musicais no Parque Municipal dende as 11.00 horas. Para o xantar popular poranse as entradas á venda mañá, a partir das 9.00 horas nas oficinas municipais. O prezo de cada unha é de 45 euros.