Os balnearios do Carballiño, Partovia, Laias e Berán, incluidos no novo programa de termalismo financiado pola Deputación

16, Setembro 2024

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou o regulamento do novo programa de termalismo, dirixido ás persoas afectadas por lesión medular así como aquelas persoas que sufriran accidentes cerebro vasculares (ACV ) ou sofren enfermidades dexenerativas.

Dotado cun orzamento total de 25.000 euros, no programa participan os balnearios de O Carballiño, Arnoia, Laias, Lobios, Cortegada, Caldas de Partovia, Berán e Allariz, en cuxas instalacións ofreceranse os tratamentos e servizos que se subvencionarán aos beneficiarios do plan.

Estas axudas serán do 50% no prezo sinalado para cada sesión, subvencionándose como máximo unha sesión por semana e persoa cun prezo máximo de 25 euros por usuario. A achega máxima que poderá obter cada beneficiario será de 1.000 euros ao longo do programa, e sempre entre o 1 de febreiro e o 30 de novembro.

As solicitudes poderán presentarse desde o día seguinte ao da publicación das bases do programa no BOP, que será simultánea a súa publicación na base de datos nacional de subvencións.

O programa implica o acceso a unha terapia termal individual que será definida polo establecemento balneario baixo criterios sanitarios. En todos os casos inclúese consulta médica á chegada do beneficiario ao balneario, que necesariamente ten que autorizar a persoa solicitante do programa o acceso a unha terapia de este tipo, que terá unha duración máxima de 10 meses.

Este programa enmárcase no labor que a Deputación de Ourense desenvolve desde hai mais de dez anos, xunto cos balnearios da provincia, para promover o benestar persoal e social e unha vida mais saudable das persoas.

O colectivo de persoas afectadas por lesións medulares, accidentes cerebro vasculares e enfermidades dexenerativas, teñen unha alta potencialidade de ver limitada a súa capacidade de realizar actividades de vida cotiá, sendo unha das actividades recomendadas a rehabilitación ou estimulación a través da hidroterapia, dado que se trata dun recurso terapéutico con múltiples áreas de actuación.