Fumega recoñece "o gran traballo do grupo socialista na Deputación" e subliña o "cámbio sustancial" do novo modelo de financiamento aos concellos.
Deputadas e deputados do Grupo Provincial Socialista acudiron ao Carballiño para avaliar o impacto do novo mecanismo de reparto de fondos sobre a base de criterios obxectivos entre concellos posto en marcha pola Deputación de Ourense (CooperOu) grazas á iniciativa e esforzos do PSdeG-PSOE. “Quero agradecer ao Grupo Provincial Socialista na Deputación o traballo feito, xa que esta era unha demanda histórica do noso partido”, subliñou o alcalde carballiñés, Paco Fumega, quen exerceu de anfitrión durante a visita.
Segundo Fumega, “para o Carballiño representa un cambio substancial, xa que antes contabamos con subvencións anuais de 45.000 euros e agora esperamos inxeccións de fondos cada exercicio de arredor de 600.000 euros, ofrecéndonos unha autonomía aos concellos que antes era impensable”. O alcalde carballiñés amosou ás deputadas e deputados provinciais o estado de avance duns traballos para “separar as augas fluviais das fecais”, licitado por máis de 110.000 euros.
Fumega tamén mencionou as obras que se están a levar a cabo na Rúa Serra de Martiñá e evocou ou as que están a permitir aumentar a capacidade da depuradora municipal. “Amais dos traballos en curso na capital municipal, tamén estamos a operar moitas máis actuacións noutros núcleos do concello, nas zonas rurais, así como iniciativas deportivas e culturais que se poden sufragar grazas ao novo plan único de financiamento aprobado grazas aos socialistas na Deputación de Ourense”, afirmou o rexedor.
Cara unha meirande autonomía municipal
“Unha vez máis estamos a comprobar con satisfacción que este novo sistema de reparto de fondos sobre a base de criterios obxectivos, e non por afinidade política, permite aos concellos acometer obras realmente necesarias, así como planificar os traballos e prioridades para os vindeiros exercicios, que era algo imposible baixo o anterior sistema”, sostén Álvaro Vila, voceiro do Grupo Provincial Socialista na Deputación de Ourense.
“Non cabe dúbida que o CooperOu representa unha revolución para os concellos da nosa provincia que antes, por moito que petaran á porta da Deputación, non conseguían financiamento para aqueles proxectos que realmente eran necesarios para a veciñanza”, conclúe Vila, acompañado dos membros do Grupo Socialista na Deputación Elvira Lama, ex alcaldesa de Xinzo de Limia, Susana Rodríguez, tenente de alcalde de Amoeiro, Aurentino Alonso, tenente de alcalde no Barco de Valdeorras, e Emilio Díaz, alcalde de Melón.
“Os meus compañeiros na corporación provincial están a traballar para perfeccionar o plan único, para que se incrementen os fondos destinados aos concellos, sen os cales hoxe non sería posible ningunha destas obras que estamos a desenvolver no Carballiño”, sentenzou Fumega.