A Banda de Gaitas e Danzas do Irixo protagonista no acto da Xunta para oficializar a tramitación de BIC para o patrimonio inmaterial da música e danza galegas

24, Novembro 2024

A Banda de Gaitas e Danzas O Irixo estivo presente no acto celebrado en Ribadavia para presentar o proxecto de declaración do baile e música tradicionais como Ben de Interese Cultural

Nun encontro celebrado no Museo Etnolóxico de Ribadavia, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, anunciou o inicio dos trámites coa publicación no Diario Oficial de Galicia deste luns 25 de novembro, da declaración do noso patrimonio inmaterial como BIC.

A agrupación xestionada pola Asociación de Gaiteiros do Irixo, cunha pequena representación de once integrantes, presentou unha mostra da súa música e bailes tradicionais como colofón do evento. Nun formato de cuarteto tradicional e tres parellas de baile, membros desta escola puxeron en valor o gran traballo de formación que se leva na Banda de Gaitas e Danzas O Irixo, que con máis de 50 alumnos segue apostando pola formación de xeracións futuras, contribuíndo así á divulgación e defensa da nosa cultura e manifestacións artísticas propias.