O concello de Cea pide á Xunta colaboración para a construcción dunha nova EDAR, antes de fin de ano presentará o proxecto.

25, Novembro 2024

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de San Cristovo de Cea, José Luis Valladares, avaliaron nunha reunión novas vías de colaboración para mellorar o servizo de saneamento no municipio.

Máis polo miúdo, analizaron o proxecto municipal para construír unha nova estación depuradora de augas residuais (EDAR). Nesa liña, o rexedor informou á conselleira de que a previsión municipal é poder remitir a Augas de Galicia o proxecto desta actuación antes de fin de ano para que poida ser avaliada polo persoal técnico da entidade autonómica e establecer fórmulas de cooperación.

Pola súa banda, Ángeles Vázquez reiterou que a Xunta continuará prestando o seu apoio técnico e económico aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar servizos de calidade á súa veciñanza.

De feito, o orzamento de Augas de Galicia sobe o vindeiro ano 2025 preto dun 5%, ata os 144 M€, para seguir optimizando o saneamento e o abastecemento coa mellora de infraestruturas, a formación e divulgación e a execución de políticas activas de resposta ao cambio climático.

O obxectivo principal será facer un uso eficiente da auga e reducir a pegada hídrica na comunidade mediante investimentos nas redes de saneamento, depuración e abastecemento así como no apoio aos concellos, o deseño de mapas de riscos climáticos ou a creación de corredores verdes para reducir os asolagamentos.