A Deputación avanza na construción da primeira terma ao aire libre totalmente accesible de España, na área de O Bañiño, en Punxín

14, Decembro 2024

A Deputación de Ourense consolida a súa aposta polo termalismo cos avances nunha actuación estratéxica na área termal de O Bañiño, en Punxín. A institución provincial, a través do Plan de Sustentabilidade Ourense Termal, cofinanciado coa Axencia de Turismo de Galicia e a Secretaría de Estado de Turismo, promove unha obra que permitirá realizar unha piscina adaptada e accesible a persoas con mobilidade reducida.

O proxecto xa conta coa autorización da Confederación Hidrográfica Miño-Sil e complementará outras actuacións de mellora que se levan a cabo nesta área termal, financiadas pola Deputación.

A actuación para crear a primeira terma ao aire libre totalmente accesible de España conta cun orzamento de 36.705,59 euros e permitirá mellorar a oferta de O Bañiño. O principal obxectivo desta actuación é crear unha terma totalmente accesible para persoas con mobilidade reducida, pero tamén mellorar a percepción do destino como un destino para todo tipo de usuarios.

Actualmente, O Bañiño dispón de dúas pozas, ás que se accede a través de unhas pequenas escaleiras de pedra. Se ben dispoñen de barandas a ambos lados para facilitar a accesibilidade, non son axeitadas para o baño de persoas en cadeira de rodas ou con problemas de mobilidade.

Unha cadeira de rodas para baño

Nesta liña, para a construción da piscina especialmente accesible a persoas en cadeira de rodas, aproveitarase a disposición das pozas actuais e a pendente do terreo, construíndo un acceso en rampla.

Ademais, para entrar, disporase dunha cadeira acuática especial para o uso en piscinas. As cadeiras convencionais están fabricadas con metais que se estragan co cloro das piscinas, a auga salgada ou, como é neste caso, polos elementos disolvidos na auga como o xofre. Porén, a cadeira de rodas acuática está fabricada en materiais plásticos na súa totalidade, sen de ningunha peza metálica que poida ser susceptible de oxidación ou degradación.

Unha área con continuas melloras

Esta área termal, de titularidade municipal, sitúase ao aire libre e conta con autorización de uso lúdico por parte da Xunta de Galicia. Durante o ano 2022 realizáronse obras de acondicionamento, dotando á área termal de servizos e instalacións necesarios para a súa posta en marcha. Nestas obras, incidiuse, na medida do posible, na adaptación das instalacións para que foran accesibles a persoas con mobilidade reducida.

Ademais de construír unha terma totalmente accesible, as actuacións comprenderán tamén a instalación dun sistema de tratamento das augas residuais xeradas durante a limpeza das piscinas, mellorando así o respecto polo medio ambiente, xa que se evitarán os vertidos ao río.