A Xunta licitará neste mes de xaneiro a construción do novo centro de saúde de Boborás, cun investimento que ronda os 2 millóns de euros. Escoita aquí á alcaldesa, Patricia Torres.
A Xunta licitará neste mes de xaneiro no que andamos a obra de construción do novo centro de saúde de Boborás, cun investimento que vai rondar os 2 millóns de euros.
O futuro centro de saúde de Boborás suporá a ampliación da súa superficie en máis de 200 m2, ata chegar aos 682 m2, e permitirá contar como novidade cunha consulta para a saúde da muller, unha consulta polivalente de urxencias e outra de pacientes respiratorios, así como unha sala de xuntas. Ademais permitirá contar con dúas consultas de medicina e dúas de enfermaría nun edificio novo.
O deseño elixido para o novo centro de saúde busca a mellor integración coa contorna en todos os seus aspectos: implantación da parcela, volumetría, deseño ou emprego de materiais característicos da zona, como a pedra e a madeira.
O edificio conformarase como un elemento lonxitudinal, paralelo á vía de acceso, Evaristo Riande, próximo ao borde sur da parcela. O acceso de ambulancias e de persoal situarase na zona sueste da parcela.
A construción do novo centro de saúde de Boborás está previsto que poida estar finalizada a finais de 2026 ou comezos de 2027, despois de que se formalice o contrato de obra no verán, cun prazo de execución de 16 meses.
Escoita aquí a entrevista en COPE O Carballiño á alcaldesa de Boborás, Patricia Torres: