A Banda da Loba chega a O Carballiño con "Lovismo", único concerto programado na provincia, será o dia 22 de febreiro.

29, Xaneiro 2025

O Carballiño vai ser uns dos primeiros lugares en coñecer o novo directo d’A banda da Loba, ABDL. O concerto, que será o vindeiro 22 de febreiro no Auditorio Municipal, foi presentado esta mañá no Salón de Plenos do Concello nun acto que contou coa presenza de Andrea Porto, baxista de ABDL, e de Diego Fernández, concelleiro de Cultura.

Na súa intervención, Diego Fernández manifestou o seu agradecemento ao grupo por "pensar na nosa vila para presentar Lovismo, un traballo onde volven amosar o seu forte compromiso coa lingua e a cultura galega”. Ademais, animou á veciñanza a asistir ao concerto e espera que a música das Lobas sexa tamén un reclamo para que os habitantes da contorna se acheguen ata o concello carballiñés.

Pola súa banda, Andrea Porto amosou a emoción que supón para todas as integrantes da banda “actuar nun dos lugares onde, segundo a lenda, adoitaba agocharse Pepa Loba” e prometeu “un concerto cheo de sorpresas no que actuará, entre outras, a bailarina Fabiana Taboada do videoclip Lova”.

No que concirne aos aspectos prácticos, as entradas para o concerto d’A banda da Loba no Carballiño xa están á venda na web de vivetix.com e tamén será posible adquirilas unha hora antes do evento na propia billeteira do Auditorio Municipal. O concerto comezará ás 20.00 horas e a apertura de portas está prevista para ás 19.30 horas.

O amor como leitmotiv

Lovismo supón o regreso de ABDL aos escenarios logo dun ano lonxe deles para materializar este traballo, o quinto do grupo, composto por once temas que teñen como fío condutor o amor nas súas múltiples formas de expresións ―o desexo, as relacións, a maternidade, o amor propio, a sororidade, o amor polo noso...― e que leva o selo do estilo calidoscópico de ABDL. Nel conflúen diferentes estilos, desde a bachata ata o pop pasando pola música disco e reivindícase a inspiración literaria da que fan gala desde o seus inicios as compoñentes do grupo. Conta, ademais, con colaboracións doutros artistas: De Vacas, Terrae, Tomé Mouriño (De Ninghures) e os músicos Adrián Real, Lara Porto, Cristóbal Fernández e Diego Suárez, responsables dos instrumentos de vento do disco.

ABDL

A banda da Loba irrompeu na escena musical galega con Bailando as rúas (2017), co que acadaron un grande éxito e deixaron claro que chegaban para quedarse, facéndose un oco grazas ao seu heteroxéneo estilo musical. Dous anos máis tarde, no 2019 presentarían Fábrica de luz e no 2021 estrearon Hasme oír, un EP dedicado a Xela Arias, sendo ambos os dous traballos finalistas nos Premios MIN na categoría de mellor disco en lingua galega. Alén diso, no 2021, ABDL gañou o Premio Martín Códax na categoría de pop e indie. O 2022 foi o ano de Xabón Lagarta, un traballo co que estiveron xirando ata finais do 2023. Este 2025 volven aos escenarios con Lovismo.

Na actualidade, ABDL está integrada por Andrea Porto (baixo), Estela Rodríguez (violín), Marcela Porto (percusión), Xiana Lastra (voz) e Iria de Cabo (guitarra), que chega á formación substituíndo a Inés Mirás.