Pachi Vázquez apunta a "unha trama para favorecer a unha empresa no concurso da auga no concello do Carballiño". Anuncia medidas urxentes para a paralización inmediata do proceso e que se anule a mesa de contratación.
![](https://copecarballino.es/sites/default/files/styles/nodo/public/20250207_110019.jpg?itok=-kkY-8cp)
“Hai un incumplimento moi claro da lei e un conflito de intereses manifesto”. Así definía Pachi Vázquez na rolda de prensa ofrecida hoxe polo Grupo Municipal de Espazo Común do Carballiño, a situación do proceso de contratación da xestión da auga deste Concello.
Un proceso cun valor estimado de 60 millóns de euros "que comezou a tornarse escuro despois do pacto PP-PSOE para gobernar, rachando acordos previos que garantían a transparencia e imposibilitando cos seus votos conxuntos a presencia de ningún membro da oposición na mesa de contratación", manifestan.
Mesa de contratación "na que si forman parte catro técnicos da Deputación, tres deles nomeados directamente por Luís Menor", remarcan
Espazo Común apuntan a sospeitas "que nacen do vínculo entre Deputación de Ourense e Viaqua, ambos socios na empresa Aquaourense o que debería inhabilitar a calquer representante do órgano provincial a participar nun concurso no que unha das candidatas sexa Viaqua".
Subliñan como "aínda máis grave resulta que un dos nomeados, con documentación, Javier Bobe, sexa conselleiro desta empresa na que Viaqua é socia".
Asegura Pachi Vázquez que "Bobe é un dos técnicos propostos por Luís Menor e nomeados por PP e PSOE do Carballiño para decidir que empresa vai ser a que leve este contrato e tódolos actores da trama ignoraron conscientemente este vínculo".
Consideran que "o escándalo faise aínda maior sabendo que todos eles son perfectamente coñecedores da lei e das obrigas que esta lle impón: por exemplo, non participar en concursos públicos onde poidan ter intereses comprometidos".
A sensación de que este proceso "está orientado cara a unha dirección" levou a Espazo Común a investigar e intervir antes de que o dano sexa aína maior con reclamacións posteriores de empresas participantes que poderían retrotraer o proceso meses ou incluso anos.
Pachi Vázquez anunciou o rexistro, a vindeira semana, de toda a documentación relacionada con este asunto para que chegue a tódolos grupos da corporación e ao resto de integrantes da mesa de contratación.
Asimesmo anunciou o estudo de medidas xudiciais se fora o caso ante a certeza dun intento de manipulación dun proceso público cos cartos dos veciños do Carballiño.