15 comparsas no concurso-desfile e fin de festa coa orquestra Alkar, neste martes de carnaval carballiñés

Un ano máis O Carballiño congregará a centos de participantes no concurso-desfile do entroido, este martes dia 4 -festivo local no municipio- a partir das cinco da tarde, un entroido que conta cos maiores premios de toda Galicia, por exemplo, o primeiro premio é de 1.300 euros e tamén hai un premio que outorgan as propias comparsas participantes.
Entre as comparsas concursantes repiten varias do Concello do Carballiño coma Partovia, As Flores da Costa, Aspadisi, Entroula ou Lumareda, destaca tamén Maside que contará con tres representantes, tamén contan con representación San Amaro, a cidade de Ourense ou os gañadores da pasada edición, unha das comparsas do Irixo.
O desfile, que ademais de contar cas comparsas concursantes, tamén contará ca presenza da batucada do Conservatorio de Música do Carballiño, os incombustibles Liborianos ou os 100 Tolos, comparsa espectáculo que conta con banda de música propia e chegan desde Poio.
En total, serán 15 comparsas as que desfilarán ás 17h no percorrido tradicional, que ten a súa saída na Rúa Otero Pedrayo, seguindo polas rúas Conde Vallellano, Julio Rodríguez Soto, calvo Sotelo, Tomás María Mosquera e Rosalía de Castro.
Ao remate do desfile, sobre as 19h aproximadamente, terá lugar un baile de disfraces na Praza Maior a cargo da Orquestra Alkar, á espera de dar a coñecer os premios do concurso do carnaval carballiñés, un momento rodeado sempre de gran expectación.