Xunta e concello asinan un convenio dotado de 650.000 euros para a reforma do pavillón deportivo do colexio da Uceira

12, Abril 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, asinou hoxe un protocolo de colaboración co alcalde do Carballiño, Francisco José Fumega, para executar un investimento de máis de 650.000€ que permitirá mellorar as instalacións do Colexio CEIP Calvo Sotelo, un centro que dá servizo a máis de 400 alumnos.

Grazas a este acordo, levarase a cabo a construción de novos vestiarios, o acondicionamento do pavillón deportivo e a cubrición do patio exterior. A previsión é que as obras, que se realizan no coñecido como edificio Uceira do colexio, se executen ao longo de 2026.

O titular do departamento educativo do Goberno galego destacou a importancia da colaboración institucional para dar resposta ás necesidades da comunidade educativa. O Goberno galego asumirá a maior parte do financiamento, 500.000€, mentres que o Concello do Carballiño se compromete a achegar 150.000€.

Esta nova actuación vén complementar outras melloras realizadas nos últimos anos no Colexio CEIP Calvo Sotelo, co obxectivo de modernizar progresivamente as súas instalacións. Entre elas destacan as melloras sectoriais e de acondicionamento do ximnasio, cun importe de case 200.000€

Compromiso co Carballiño

Román Rodríguez destacou que a Consellería de Educación está tamén a executar a ampliación do Instituto IES Manuel Chamoso Lamas, tamén no Carballiño, cun investimento de case 2,4M€.

Para iso, estase a construír un novo edificio de 1.581m², que se prevé que entre en funcionamento no curso 2025/2026. No andar superior habilitaranse tres novas aulas, ademais de aseos, almacén, conserxería, vestíbulo e distribuidor. No andar baixo haberá talleres de mecanizado e soldadura, vestiarios, espazos de almacenamento, cuarto de telecomunicacións, distribuidor, vestíbulo e recepción.

“Todas estas intervencións evidencian o compromiso continuado da Xunta cos centros do Carballiño a través do Plan de nova arquitectura pedagóxica, a folla de ruta coa que estamos a transformar e adaptar os colexios e institutos aos retos actuais do ensino”, subliñou o conselleiro. A través deste plan, e tendo en conta as novas actuacións no colexio, estanse a investir máis de 3M€ no concello do Carballiño.