O auditorio do Carballiño acolle este sábado o 42 Festival Galaico-Portugués de Polifonía e Canto Coral. Escoita aquí a entrevista aos organizadores.

Este sábado, 27 de setembro, sobre o escenario do Auditorio Manuel María actuarán a partir das 20,00 horas a Coral Polifónica Casino do Carballiño (organizadora do evento), así como as dúas agrupacións convidadas: Coro Vales Mahia (Bandeira, Silleda) e Coro Mesao en Canto (Mesón Frío, Portugal).
O concelleiro de Cultura, Diego Fernández, puxo en valor na presentación do festival o esforzo da Coral Polifónica Casino, que se supera en cada nova edición.
“A colaboración do Concello é máxima, pero máxima tamén é a nosa gratitude polo esforzo e traballo que facedes, sempre nos sorprendedes”, apuntou o edil. Nesa liña, Jaime González Pichel, director da coral, recordou que a escolla musical é distinta cada ano para que o público desfrute. “Participan tres corais cunha importante traxectoria, que traballan con moita ilusión e esforzo”, asegurou Pichel.
O festival contará con dous andamentos: Iacobus, adicado ao Camiño de Santiago e ás súas músicas relixiosas e profanas, e Pangea. “O segundo andamento aborda o concepto da música como elemento integrador, cando escoitamos a calquera músico de calquera sitio do mundo, a nosa imaxinación viaxa sen movernos do noso sofá. Queremos poñer en valor que é moito máis o que nos une que o que nos separa”, explicou o director da Coral Polifónica Casino.
Pola súa parte, José Antonio Barge, secretario da agrupación, destacou a longa traxectoria do festival, que roza xa o medio século de historia. “Estas 42 edicións dan conta da trascendencia e da importancia do festival, que cada ano é distinto”, apuntou.
A presentación do evento contou coa actuación musical de dous membros da coral: Paz González, flautista, e Luis Rodríguez, pianista.
Escoita aquí a entrevista en COPE O Carbaliño: