Teatro, Maxia e Humor, e Día da Bici para esta fin de semana no Carballiño

A Concellería de Cultura do Carballiño propón un menú de teatro, maxia e humor para desfrutar da fin de semana sen saír da vila.
O Nadal Cultural, que arrancou nos primeiros días de decembro, traerá ao Carballiño máis dunha trintena de actividades para maiores e pequenos. Nesta fin de semana, a oferta inclúe a obra teatral “Viaje al profundo norte”, de Teatro del Norte, e o espectáculo “Retranca… e maxia” do mago Luis Boyano. “Animamos á veciñanza da comarca a desfrutar da proposta cultural e a aproveitar para pasear polo Carballiño, desfrutar da nosa hostalaría e facer aquí as súas compras”, convida Diego Fernández, concelleiro de Cultura.
O sábado será a quenda de Teatro del Norte, que presentarán ás 20,00 horas no Auditorio Municipal a peza “Viaje al profundo norte”. Trátase dunha obra creada en 1987 e que neste 2025, cando a compañía cumpre 40 anos, volve aos escenarios cunha renovada proposta. Os personaxes reflexionan sobre o paso do tempo, o pasado que non volverá e os sentimentos que aparecen na vellez, como a soidade ou o medo. A entrada ten un custe de 8 euros e poderase adquirir na taquilla do Auditorio.
O coñecido mago Luis Boyano, pola súa parte, actuará no Auditorio Municipal o domingo, ás 19,00 horas, co seu espectáculo “Retranca… e maxia”, incluído na Rede Galega de Teatros e Auditorios. O artista, moi querido no Carballiño, presenta un show para público de todas as idades onde se misturan a maxia, a sorpresa e o humor para deixar ao público sen fala. As entradas pódense adquirir na taquilla do Auditorio por 5 euros.
Dia da Bici no Carballiño
O Concello do Carballiño impulsa este domingo o XX Día da Bici en colaboración con +Deporte La Región, ximnasio Korpore e club ciclista Carballiño Sobre Rodas. A actividade, gratuíta, está dirixida a poboación de todas as idades co obxectivo de desfrutar dunha xornada familiar, deportiva e divertida, na que haberá agasallos, sorpresas e animación musical.
“Este ano fixemos algúns cambios, temos tres carreiras diferentes por idades, pensadas para os máis pequenos, os rapaces e os adultos”, detalla José Castro, concelleiro de Deportes. As tres probas comezan ás 11,30 horas na Praza da Veracruz.
A carreira dos máis pequenos realizarase dentro do entorno da Veracruz; a dos rapaces (ou adultos que prefiran un percorrido máis curto) é de 4 kilómetros, con volta polo Parque Municipal, e a máis longa, de 8 kilómetros, chega a Mesego e regresa. “Quitamos a subida ao Chamoso e faremos unha volta arredor da Residencia de Tempo Libre”, indicou José Castro.
A inscrición, que permite acceder ao sorteo, pode realizarse a través da páxina Press Club La Región ou na propia Veracruz antes da saída. Porén, a participación é aberta a toda a poboación.