O concello do Carballiño inicia a posta a punto de xardíns e zonas verdes do Carballiño, incluindo o baldeo de beirarúas e prazas.

29, Marzo 2026

Coa chegada da primavera, as brigadas municipais do Concello do Carballiño comezan a posta a punto das zonas verdes e xardineiras do casco urbano. Os traballadores iniciaron este venres as tarefas de rozada arredor de árbores e marxes de beirarrúas para limpar e adecentar os espazos naturais despois dos meses de intensas chuvias.

“Agora é o momento de repoñer xardíns e zonas verdes para que a nosa veciñanza os poida desfrutar de novo”, explica Rosa Fuentes, concelleira de Benestar Comunitario. A brigada comezou os traballos na rúa 25 de Xullo e na avenida do Parque, para continuar nos próximos días polo resto de vías do Carballiño.

Por outra banda, continúan os baldeos de beirarrúas no casco urbano. Estes días, os equipos de limpeza están priorizando aquelas rúas polas que discorren as procesións de Semana Santa. Porén, os baldeos realizaranse en todas as vías principais do Carballiño.

“Despois da temporada tan forte de chuvias, por fin podemos avanzar na limpeza das beirarrúas”, destaca Fuentes, quen lle recorda á poboación a importancia da súa colaboración para manter unhas rúas limpas e coidadas.