1.000 veciños de Maside xa asinaron o seu apoio á Plataforma contra a privatización do servizo municipal de auga
En apenas dúas semanas, a Plataforma Veciñal que se opón á privatización do servizo recolleu máis de mil sinaturas de apoio a un escrito no que piden "que se paralice o procedemento aberto" polo concello masidao.
A concesión que prepara o concello de Maside, e pola que podería recibir máis de medio millón de euros á sinatura do contrato, sería por un periodo de 25 anos, que en opinión da Plataforma Veciñal "hipoteca a xestión do servizo, que se vende a un empresa privada con ánimo de lucro, e que vai supoñer unha suba considerable nos recibos que pagarán os veciños". Demandan dos gobernantes municipais que "se valoren outras opcións, entre elas que o concello de Maside estude a posiblidade real de continuar xestionando o servizo".
A portavoz da Plataforma, Maria Luisa Rodríguez, considera un éxito que en apenas 15 dias lograsen reunir a sinatura de máis de mil veciños "o que representa máis do 50% do número total de abonados que ten o abastecemento de auga no municipio de Maside, o que pon de manifesto a inquietude que existe entre a veciñanza por esta decisión, a nosa intención é que toda a veciñanza teña información de todo o procedemento e poida asi ter unha opinión sobre un acordo que consideramos vai perxudicar gravemente tanto ao concello como aos propios usuarios do servizo", manifestou.
Pola súa parte, o Alcalde Celso Fernández está remitindo unha carta aos veciños no que defende o proceso de privatización que puxo en marcha. Neste escrito, manifesta as "moitas dificultades" que nestes últimos anos tivo o concello para ofrecer un servizo de abastecemento coas garantías requeridas tanto en calidade como na cantidade suficiente "sobre todo na época de verán, cando non se pode bombear desde o Barbantiño".
Tras subliñar que o servizo é altamente deficitario na actualidade para o concello de Maside, o rexedor municipal explica que o concello realizou un estudio económico do coste do servizo e "en función do resultado o plen municipal aprobou o 28 de marzo de 2012, sen votos en contra, a ordenanza fiscal que fixou o coste dos servizos e os novos prezos". Asegura o Alcalde na súa misiva á veciñanza que "a empresa que resulte adxudicataria do servizo de abastecemento e alcantarillado terá que manter o prezo fixado na ordenanza de marzo durante 25 anos, coa única variación do IPC".