105 nenos do Carballiño-Ribeiro poderán gozar da neve en Manzaneda inscribindose no programa EsquiOU da Deputación, do 27 ao 29 de xaneiro.
A Deputación de Ourense reforza o programa EsquiOU, unha iniciativa para que nenos e nenas da provincia aprendan a esquiar na única estación de montaña de Galicia, Manzaneda, pero tamén permite que teñan a oportunidade de realizar diferentes actividades lúdicas e deportivas. Este programa liderado pola institución provincial aumenta para a próxima edición o número de prazas, ata superar por primeira vez a barreira das mil prazas (1.050), para dar resposta a altísima demanda das familias que apostan dende 2015 por este programa para os seus rapaces.
Ademais, o EsquiOU contará con importantes novidades, como o avance no compromiso coa inclusión social, xa que haberá prazas reservadas para menores con discapacidade, co obxectivo de que estes rapaces poidan acceder ao deporte e a diversión sen barreiras de ningún tipo.
A vicepresidenta primeira da Deputación, Marta Nóvoa, e o director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, firmaron hoxe no Pazo Provincial o convenio de colaboración para a próxima edición do programa EsquiOU, cuxa inscrición se pode realizar a partir de hoxe a través dun formulario electrónico, dispoñible na web da Deputación. O prazo para presentar as solicitudes remata o 27 de decembro ás 14,00 horas.
Durante a firma do convenio, Marta Nóvoa puxo en valor o aumento de prazas "para dar resposta ás familias" e o "compromiso social" coa novidade de reservas para menores con discapacidade.
Pola súa banda, Xosé Merelles, amosou a súa "satisfacción por ver fortalecida a demanda da estación de montaña na época de menor demanda, durante a semana".
Prezo moi reducido
O prezo da estancia por participante será de 30 euros, xa que a Deputación subvenciona o resto do custe do programa. Neste sentido, o orzamento adicado ao EsquiOU 2025 alcanza cifras históricas, con 102.000 euros de inversión, un 45% máis que o adxudicado en anos anteriores, como solución ao crecente interese das familias da provincia por anotar aos seus rapaces no programa.
A selección dos beneficiarios farase por estrita orde de inscrición. Se algún participante quedase sen praza na quenda que lle corresponde, pasaría a unha lista de agarda para ser inscrito no caso de quedar prazas baleiras noutras quendas.
As 1.050 prazas do EsquiOU están destinadas a nenos nacidos entre o 1 de xaneiro de 2013 e o 31 de decembro de 2016 na provincia de Ourense. O total de prazas estará dividido en 10 quendas de 105 prazas cada unha. De estas, cinco estarán reservadas para menores con algún tipo de discapacidade. Os rapaces, ademais de estar permanentemente supervisados por monitores formados e cualificados no tratamento de nenos con algunha dificultade física ou intelectual, tamén poderán ir acompañados dun pai, nai, titor ou membro do centro educativo ao que pertenzan.
Tres días en réxime completo
A duración da estancia é de tres días e dúas noites, sempre de luns a mércores, e inclúe aloxamento, pensión alimenticia completa, curso de esquí e as demais actividades complementarias, como poden ser tiro con arco, sendeirismo ou natación. Ademais, se as condicións meteorolóxicas non foran favorables, substituirase o programa de esquí pola oferta de actividades de montaña, como multiaventura ou rocódromo.
O programa desenvolverase por quendas, nas que se fai un reparto dos nenos por proximidade xeográfica para lograr grupos máis homoxéneos. A primeira quenda será do 20 ao 22 de xaneiro de 2025, para os nenos das comarcas de Terra de Celanova e Baixa Limia; do 27 ao 29 de xaneiro será a quenda dos de O Ribeiro e O Carballiño; do 3 de febreiro ao 5 de febreiro, Verín e Viana; do 10 ao 12 de febreiro, Valdeorras; do 17 ao 19 de febreiro, Allariz-Maceda-A Limia; do 24 ao 26 de febreiro, Terra de Caldelas e Terra de Trives; do 3 ao 5 de marzo, Ourense; do 10 ao 12 de marzo, Ourense rural: do 17 ao 19 de marzo, segunda quenda da zona de Ourense e, por último, do 24 ao 26 de marzo, a segunda quenda de Ourense rural.