105 nenos e nenas das comarcas O Carballiño-Ribeiro, nacidos entre os anos 2012 ao 2015, poderán participar do esquí na estación de montaña de Manzaneda, do 29 ao 31 de xaneiro
A Deputación de Ourense, en colaboración coa Estación de Montaña de Manzaneda, organiza unha nova edición do programa deportivo EsquiOU, que conta este ano con 735 prazas para os nenos nacidos entre o 1 de xaneiro do 2012 e o 31 de decembro do 2015. O total de prazas estará dividido en sete quendas de 105 prazas cada unha.
O vicepresidente segundo e deputado de Deportes César Fernández, presentou hoxe no Pazo Provincia, xunto ao responsable de Grupos da Estación de Montaña de Manzaneda, Nacho Pereira, os detalles desta actividade de inverno que ten unha “gran demanda” desde a súa posta en marcha no ano 2015.
O obxectivo principal deste programa é que os nenos e nenas da provincia aprendan a esquiar, pero tamén poderán realizar durante os tres días diferentes actividades lúdico-deportivas como tiro con arco, sendeirismo ou natación.
A duración da estancia é de tres días e dúas noites, sempre de luns a mércores e inclúe aloxamento, pensión alimenticia, curso de esquí e as demais actividades complementarias. O programa desenvolverase por quendas nas que se fai un reparto dos nenos por proximidade xeográfica para lograr grupos máis homoxéneos.
A primeira quenda será do 22 ao 24 de xaneiro para as comarcas da Terra de Celanova e Baixa Limia; a segunda quenda, do 29 ao 31 de xaneiro, será para as comarcas do Ribeiro e O Carballiño; do 5 ao 7 de febreiro será a quenda para os nenos de Verín-Viana; do 12 ao 14 de febreiro para Ourense; do 19 ao 21 de febreiro para Valdeorras; do 26 ao 28 de febreiro para Allariz-Maceda-A Limia; e finalmente do 4 ao 6 de marzo para Terra de Caldelas-Terra de Trives.
Inscricións abertas desde hoxe ata o 10 de xaneiro de 2024
A inscrición no programa pódese realizar a partir de hoxe a través do correo electrónico esquiou@depourense.es, axuntando o formulario de inscrición do ano 2024 cuberto e unha fotocopia do DNI do participante. O prazo para presentar as solicitudes remata o día 10 de xaneiro de 2024 ás 14.00 horas. O prezo da estancia por participante será de 29 euros e a selección dos participantes farase por orde de inscrición. Se algún participante quedase sen praza na quenda que lle corresponde, pasaría a unha lista de agarda para ser inscrito no caso de quedar prazas baleiras noutras quendas.