170 deportistas participan na Gala Fin de Curso da Escola de Patinaxe do Club AEHDE
O Club Aehde O Carballiño organiza o domingo, 2 de xuño, desde as cinco e cuarto da tarde a súa Gala de clausura do curso da escola de patinaxe artística que ao longo dos últimos oito meses veu traballando a razón de dous días por semana.
O evento celebrarase no pavillón anexo do Paco Chao e contará coa participación de escolas e clubes de Celanova, Bande, Sarria e Boqueixon, e reunirá tamén a catro das seccións do clube carballiñés: o equipo de competición de patinaxe individual liderado pola súa adestradora Carla Iglesias, o de show da entidade con Erea Abalde á cabeza, o de Patinaxe en Familia, na modalidade en líña, que capitanea Xurxo Vázquez, e a propia escola baixo a dirección de Nieves González e Paula Castro. En total serán uns 170 patinadores e patinadoras os que se dean cita na convocatoria da entidade carballiñesa.
A actividade, que conta coa colaboración do Concello de O Carballiño, constará de bailes grupais e individuais e incluso unha exhibición de salto de altura con patíns. A diferenza doutros anos, non será a última actividade da tempada do Club Aehde en O Carballiño, xa que o 29 do mesmo mes de xuño celebrarase a primeira edición do Trofeo Terras do Orcellón na modalidade de grupos show.