300 alumnos e profesores dos centros educativos da comarca celebrarán o dia da árbore, da auga e a poesía, na Insúa dos Poetas
Arredor de 300 alumnos e alumnas, así como profesores e profesoras, de oito centros educativos da comarca do Carballiño celebrarán o próximo martes, 21 de marzo, o Día Internacional da Árbore, da Auga e da Poesía, que se conmemoran o 21 e 22 de marzo.
O acto terá lugar ás 11 da mañá na Insua dos Poetas, na Esgueva, en Madarnás. O evento foi presentado esta mañá no Instituto Manuel Chamoso Lamas polo director deste centro, José Manuel Vázquez, e o director do IES nº 1 do Carballiño, Manuel Amil.
Oito centros educativos da comarca estarán representados neste evento no que se dará lectura a poemas, se realizarán representacións dramatizadas, se cantarán cancións e se prantarán árbores. O protagonismo será para os alumnos e alumnas dos centros educativos que, ao remate do acto, prantarán oito árbores autóctonas. Cada centro elexiu unha árbore diferente: Boborás, un buxo; Boborás, un salgueiro; Cea, unha sobreira; Chamoso Lamas, un carballo; Irixo, unha cerdeira; Sagrado Corazón, un amieiro; Vila do Arenteiro, un loureiro, e o Ies nº 1, un érbedo.
A este acto tamén asistirá o alcalde do concello do Carballiño e o director xeral de Política Lingüística, entre outras autoridades.