33.158 electores da comarca do Carballiño, incluidos os do CERA, están chamados ás eleccións autonómicas deste domingo
Un total de 33.158 electores, incluidos os que figuran no Censo Electoral dos Residentes Ausentes -CERA- están chamados ás urnas no conxunto dos nove concellos da comarca do Carballiño para votar nestas eleccións ao Parlamento de Galicia este domingo dia 12 de Xullo.
O concello con máis electores é O Carballiño, con 12.508, seguido de Boborás con 4.273 electores, mentres o municipio con menos electores é Punxín con 1.040.
Debido á situación sanitaria está activado o protocolo de medidas de prevención, que é un protocolo de máximos para que se poida votar con todas as garantías e que inclúe todas as medidas de seguridade que estaban previstas para calquera circunstancia adversa. Así, estarán despregados en todos os locais electorais representantes da Administración con funcións de vixilancia e supervisión para asegurar o cumprimento das medidas en materia de saúde pública. Haberá alomenos un en cada local electoral para regular o acceso e controlar que se cumpren as medidas do Protocolo de seguridade.
Para seguir en tempo real o desenvolvemento da xornada electoral está dispoñible para descarga a aplicación móbil que permitirá seguir os datos de participación e o avance en directo do escrutinio das eleccións ao Parlamento de Galicia que se celebran mañá e que pode instalarse desde os markets de Android e iOS. Ademais, todos os cidadáns poderán ter acceso aos datos en tempo real na páxina web https://resultados2020.xunta.gal A maiores da app e da web de resultados, cómpre destacar que a Xunta tamén ten operativa a páxina web https://eleccionsgalicia2020.gal/, onde se centraliza toda a información de interese relacionada co proceso electoral.