36 adegas e colleiteiros participan na 61 Feira do Viño do Ribeiro, os dias 3,4 e 5 de maio, e incorpora este ano restaurante e zona de tapeo.
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, salienta a calidade dos viños do Ribeiro na presentación da 61ª edición, terá lugar os vindeiros días 3, 4 e 5 de maio de 2024, no recinto da Alameda en Ribadavia.
O delegado territorial, que estivo acompañado na presentación de César Fernández, alcalde de Ribadavia, e Juan Casares, presidente da DO Ribeiro, destacou que o viño do Ribeiro posúe unha serie de combinacións de aromas afroitados e florais, dado a emprego na súa elaboración de variedades autóctonas tradicionais como a treixadura, o torrontés, a loureira, o caíño, o brancellao ou o sousón, que lle outorgan unha gran personalidade, que cada vez maiormente demanda o mercado.
Manuel Pardo subliñou o traballo que ven desenvolvendo a Xunta no eido vitivinícola da comarca, extensivo a todo o sector vitivinícola galego, e que concretou en tres eixos fundamentais de cara o futuro; a aposta polas variedades autóctonas, pola recuperación de zonas históricas de viñedo e, de xeito destacado, pola calidade.
A programación
Na Feira participarán un total de 36 adegas e colleiteiros que ofrecerán os seus viños a todos os visitantes que se acheguen ata Ribadavia durante os días do evento.
O público deberá mercar a súa copa na caseta de venda de copas (na entrada do recinto) e, posteriormente, visitará as casetas das adegas onde poderá optar por degustar os viños mediante a proba (pequena cantidade de viño para catar o viño), copa ou por botella. Cada opción terá un prezo diferente que marcará cada adega.
A principal novidade desta edición reside na zona gastronómica, que contará con dous ambientes diferenciados. Por un lado, un restaurante con capacidade para 150 persoas, que ofrecerá tres menús diferentes a escoller, e no que se poderá reservar previamente tanto para xantar como para cear. Por outra parte, tamén haberá un espazo denominado ‘Zona de Tapeo’, que contará cunha pulpeira, cun posto de queixos de todo o mundo e cun posto de Coren, onde se ofertará comida variada e complementaria para aquela xente que acuda sen reserva ou que queira acompañar os viños con algo de comer.
Entre as principais actividades destacan os showcookings e catas comentadas con cociñeiros e sumilleres de recoñecido prestixio, RibeiroBUS (rutas turísticas nun autobús antigo polos viñedos e patrimonio do Ribeiro), a cata popular, actuacións musicais en sesión nocturna tralo peche do recinto, zona infantil, Botella Xigante, visitas guiadas ao Castelo e ao Museo do Viño de Galicia.
O pregoeiro
O presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Madrid, Celso Rodríguez Padrón, será o pregoeiro da Feira do Viño do Ribeiro 2024. O maxistrado, natural de Ribadavia, é unha persoa con unha ampla e recoñecida traxectoria profesional na carreira xudicial, o que, sen dúbida, aporta un valor engadido a esta nova edición da Feira do Viño do Ribeiro.
A presenza deste persoeiro é unha verdadeira honra, e contribúe a dignificar mais se cabe o excelente traballo que adegas, colleiteiros e viticultores fan, día a día, para que o Ribeiro transite polo camiño da excelencia.
Características dos viños da DO Ribeiro
Os viños desta denominación responden a unha serie de combinacións de exquisitos aromas afroitados e florais que case sempre resultan sorprendentes ao elaborarse con variedades autóctonas tradicionais (Treixadura, Torrontés, Loureira, Caíño, Brancellao, Sousón) posuíndo unha acusada personalidade que os fai incomparables.
Os viños brancos do Ribeiro son lixeiros, frescos, secos, afroitados, de cor de palla pálida, elevada acedume fixa e unha graduación alcólica entre 9º e 13º. Os viños tintos do Ribeiro, son de cor vermella morada e compensados de acedume, sendo a graduación comprendida entre 9º e 12º.
Os viños monovarietais presentan unha excelente estrutura, cunha cor non moi acentuada. Ao igual que os brancos, os tintos tradicionais do Ribeiro son plurivarietais, sendo o conxunto brancellao-caíño-sousón o máis característico, aportando o brancellao estrutura, o caíño aromas e o sousón cor.
O viño tostado do Ribeiro, é un viño obtido a partir da selección das mellores uvas autóctonas da DO, sometidas a un proceso de secado e pasificación baixo cuberta.