400 palistas participarán este sábado no rio Arenteiro no Campionato Galego Xogade de Piragüismo
Por primeira vez na historia, o río Arenteiro será protagonista dunha competición de piragüismo. Neste caso trátase do Campionato Galego Xogade, que traerá ata O Carballiño a reto de 400 palistas de toda Galicia nas categorías alevín, benxamín e prebenxamín.
A proba disputarase a partir das 11,00 h., deste sábado, 20 de abril, no tramo do río comprendido entre a presa do parque municipal (á altura da antiga pranta depuradora) e a ponte de Toscaña, e cuxas ribeiras e cauce foron limpadas e acondicionadas estes últimos días.
O evento foi presentado a semana pasada na Deputación de Ourense, coa asistencia do vicepresidente do organismo provincial, Rosendo Fernández; o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; o concelleiro de Deportes do Carballiño, Manuel Dacal; o presidente da Federación Galega de Piragüismo, Alfredo Bea; o coordinador do programa Xogade en Ourense, Manuel Pérez, e o presidente de piragüismo Fluvial Allariz, José Manuel Fernández.
A Deputación de Ourense colabora con este evento que "fomenta o deporte entre os máis cativos e contribúe a promocionar unha disciplina deportiva que está en auxe na nosa provincia, así como a dinamizar o noso rural", dixo o vicepresidente do goberno provincial, quen lembrou que se trata da "primeira vez que se celebra unha regata no río Arenteiro, pero que será suficiente para asentar este deporte no Carballiño".
O presidente da Federación Galega de Piragüismo destacou a crecente acollida do piragüismo en Ourense e o traballo que se está a realizar para que "o piragüismo galego sexa referente na provincia de Ourense".
"O deporte nestas categorías é o que máis xente mobiliza", sinalou o presidente da Federación Galega de Piragüismo, quen lembrou que o ano pasado participaron 400 nenos menores de 12 anos pertencentes a 35 clubs de toda a xeografía galega, cifras que esperan manter tamén este ano.
O coordinador de XOGADE en Ourense salientou a importancia da cooperación entre administracións (Deputación de Ourense, Xunta de Galicia e Concello do Carballiño) para poder traer eventos desta índole a Ourense, mentres que Francisco Fumega afirmou que desde o concello "facemos unha aposta decidida polo deporte base, e promocionamos o río Arenteiro".