500 ciclistas participarán esta fin de semana nas actividades do club "Os Mosqueteiros"
Arredor de 500 ciclistas, procedentes de toda Galicia pero tamén de provincias limítrofes como León e Zamora, participarán esta próxima fin de semana na VIII Ruta Os Mosqueteiros MTB Bike & Trail “Desafío Moskepower”, que organiza o club ciclista carballiñés. Nesta edición percorreranse diversos lugares dos concellos do Carballiño, Boborás e O Irixo.
O sábado 6 terá lugar o trail, con saída ás 17,00 h., da praza da Veracruz e un percorrido de 25 km Haberá como alternativa un trail curto de 15 km.
O domingo disputarase a maratón MTB Bike, de 65 km de percorrido, que sairá ás 09,30 h., da praza da Veracruz. E haberá tamén unha ruta curta alternativa de 42 km. O evento foi presentado esta mañá polo alcalde do Carballiño, Francisco Fumega; a concelleira de Cultura, Deportes e Turismo Boborás, Patricia Torres; o concelleiro de Deportes e Turismo do Carballiño, Manuel Dacal; o presidente do Club Ciclista Os Mosqueteiros, Nelson Costa, e os directivos desta entidade, Rubén Cerdeira e Javier Rocha.
Francisco Fumega comezou felicitando ao club ciclista organizador por conseguir consolidar esta proba así como a práctica deste deporte no Carballiño. Resaltou o gran nivel acadado e o feito de que estea xa considerada como un referente das competicións de ciclismo de montaña en Galicia.
Patricia Torrres tamén destacou a importancia desta ruta no ámbito provincial e autonómico, e a promoción que supón para o deporte, a cultura e o deporte na comarca. Así, dixo que o feito de que transcorra polas terras do Carballiño, O Irixo e Boborás permite dar a coñecer o patrimonio natural e paisaxístico, así como incentivar o turismo. Por todo isto, agradeceu o traballo que realiza o club ciclista Os Mosqueteiros.
Polo club interveu o secretario, Rubén Cerdeira que, ademáis de agraceder aos concellos do Carballiño, Boborás e O Irixo, Deputación provincial e patrocinadores a súa colaboración, lembrou o traballo que supón organizar un evento de tanta trascendencia e participación, asegurando que tras oito anos esta ruta está xa considerada como unha das máis relevantes de Galicia. Neste sentido, amosou a súa satisfacción por contribuir á práctica deportiva así como a difundir o patrimonio natural e os recursos turísticos do Carballiño e da comarca.
Finalmente, Manuel Dacal agradeceu o labor de Os Moqueteiros a nivel deportivo e de promoción turística, e animou á xente a seguir estas probas que ffiguran entre as máis importantes da provincia e de Galicia.