60 coches clásicos participan este domingo na concentración-ruta O Carballiño JOB
O Club Clásicos Arenteiro organiza por cuarto ano consecutivo a concentración Carballiño JOB, que reunirá a 60 coches de toda Galicia anteriores ao ano 1983, e que discorrerá polo Carballiño, Cea, Vilamarín e Maside, cun percorrido de 50 kilómetros.
Esta proba deportiva, que terá lugar este domingo, 12 de maio, foi presentada ao mediodía na Praza Maior coa asistencia do concelleiro de Deportes, Manuel Dacal, e os directivos do Club Clásicos Arenteiro Óscar Otero e David García.
A xornada comezará ás 9 da mañá na praza da Veracruz, e ás 11,00 h., será a saída, cun itineario secreto.
Manuel Dacal agradeceu o traballo que desenvolve o Club Clásicos Arenteiro, e que personalizou en Óscar Otero e David García, por organizar eventos deportivos que incentivan o turismo na vila carballiñesa.
Recordou as probas automobilísticas de gran importancia que xa se celebraron este ano no Carballiño, e outras que o farán nos próximos meses, e que dinamizan a economía local, polo que felicitou aos organizadores.
Óscar Otero resaltou a gran participación de pilotos e coches do Carballiño ou pertencentes ao Club Clásicos Arenteiro, pero tamén aos pilotos do resto das provincias galegas, e agradeceu a colaboración do concello e patrocinadores. Finalmente, animou aos veciños e afeccionados a asistir á concentración e posterior saída desde a praza da Veracruz.