A 62 Festa do Pulpo, a máis calurosa que se recorda, e multitudinaria como sempre. "Un xerador de emprego e riqueza para O Carballiño", destacan desde as institucións.

11, Agosto 2024

A 62  edición da Festa do Pulpo foi a máis calurosa que se recorda, O Carballiño rexistrou esta fin de semana temperaturas máximas de ata 38 graos, aínda que as altas temperaturas non impediron que a afluencia de visitantes -sábado e domingo-volvese ser multidinaria, e na liña dos últimos anos, unha festa que continúa a facerse cada vez máis urbana -coa hostalaría local practicamente colapsada- e con menos participación no parque municipal, onde está a Festa do Pulpo máis xenuína, a que conserva a súa esencia e identidade, con ambiente de romaría galega.

E outro activo da Festa do Pulpo, con miles de persoas abarrotando O Carballiño, apenas houbo incidencias. A Policia Local da conta dun par de persoas con pequenas lesións provocadas por caídaas, e os servizos sanitarios tan so atenderon a media ducia de persoas, con pequenas indisposicións.

O operativo de Seguridade e Emerxencias tivo unha xornada moi tranquila, un operativo no que participaron 150 efectivos, coordenados desde un posto de mando ubicado no propio parque municipal pola Axencia Galega de Seguridade, con 12 cámaras de vixilancia instaladas tanto no parque como na zona urbana. Neste plan de seguridade, participaron durante a fin de semana Policia Local, Policia Autonómica,  Garda Civil de Seguridade Cidadán e de Tráfico, con 13 vehículos, cabalos, motos e helipcótero, asi como ambulancias do 061 Urxencias Sanitarias, bombeiros, e Protección Civil.

O concello do Carballiño recibíu á representación institucional nunha carpa instalada á entrada do parque municipal, nun acoto previo ao xantar no recinto municipal. Neste acto, o presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, recordou que a Festa do Pulpo "é a única festa gastronómica da nosa provincia que conta coa Declaración de Interese Turístico Internacional".

“Desde a Deputación estamos tremendamente orgullosos de apoiar ano tras ano, esta celebración contribuíndo así a poñer en valor a un dos maiores e mellores embaixadores da nosa gastronomía, maridado coa viticultura de calidade”, afirmou Luis Menor. Ao fío disto, salientou a idoneidade de dedicar esta edición á Denominación de Orixe do Ribeiro, “institucionalizando esa relación histórica entre dous produtos que se fusionaron en todas as celebracións das xentes das comarcas do Ribeiro e do Arenteiro e fóra delas”.

Na súa intervención, Luis Menor destacou a capacidade de atracción que ten a nosa enogastronomía, “un dos atributos máis valorados polo visitante dentro da nosa oferta turística, e que xunto ao termalismo, á natureza e ao patrimonio, conforman un dos recursos cabeceira de Ourense, a provincia termal, que tamén é unha das sinais de identidade do Carballiño”.

Tamén quixo felicitar ao Concello do Carballiño por traballar na cooperación con outros países, “como é o caso deste ano asinaron un protocolo de colaboración co concello italiano Noventa Padovana, xa que Italia é un dos países dos que Galicia recibe máis peregrinos”.

O presidente provincial felicitou ás pulpeiras e pulpeiros por ser capaces de transmitir “o seu saber facer de xeración en xeración desde hai séculos, e que conservan un valioso patrimonio inmaterial”. Unha felicitación que fixo extensiva a todos os que participaron un ano máis na elaboración desa xigante tapa de pulpo que logrou marcar un novo récord mundial.

Pola súa parte, en represntación da Xunta de Galicia, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, acompañado polo director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, destacou o potencial do produto na vila e comarca carballieñesa como “xerador de riqueza e emprego”.

Sinalando que o polbo forma parte da nosa identidade, o conselleiro aludiu á súa importancia cultural en multitude de romarías a través do labor das polbeiras, as que cualificou como referentes económicos desta contorna. Así, quixo ter unha lembranza para todas as familias que potencian cada día este sector.

Así mesmo, neste contexto tivo unha mención especial para a Gran Romaría Galega do Centro Galicia de Bos Aires á que asistiu hai un par de semanas, no marco da súa viaxe institucional á Arxentina e ao Uruguai.

Festas coma esa máis aló das nosas fronteiras ou como a que hoxe se celebra no Carballiño -segundo asegurou- falan da nosa terra e o mesmo se pode dicir do polbo. Unhas realidades que -apuntou- coñecen ben os emigrantes que noutrora marcharon de comarcas como as ourensás e que na actualidade “volven con forza, chamados por unha Galicia convertida en terra de oportunidades”.

Así, o titular de Emprego quixo lembrarse na súa intervención de todos eses galegos do exterior que seguen celebrando festas e apostando pola terra alá onde se atopen, con pratos de referencia como o polbo ou con viños como os do Ribeiro, en alusión á denominación de orixe vitivinícola homenaxeada nesta edición número 62 do evento.