650 participantes esta fin de semana no trail e ruta MTB do club "Os Mosqueteiros"
A séptima edición da Ruta de MTB, Bike e Trail, que organiza o club ciclista Os Mosqueteiros, terá a maior participación de todas, estando inscritos 650 deportistas procedentes de toda Galicia, de moitos lugares de España,e de Portugal.
Desenvolverase o sábado 7 e domingo 8 de outubro, e contará con cinco disciplinas.
O evento foi presentado esta mañá polo alcalde, Francisco Fumega, e os directivos do Club Ciclista Os Mosqueteiros. O seu secretario, Rubén Cerdeira destacou o feito de que se dispute durante dous días e que vaia a ter unha participación histórica, o cal repercutirá positivamente na hostalería do Carballiño. Tamén agradeceu a colaboración do concello do Carballiño e do de Boborás.
Asemade, Francisco Fumega resaltou o compromiso do club ciclista coa promoción do deporte e do Carballiño, asegurando que se trata dun dos eventos deportivos máis destacados da vila e que cada ano acada maior relevancia. Por isto, amosou o seu agradecemento ao club.
As probas terán lugar o sábado, entre as 17,00 e as 20,00 h., con saída e meta no anfiteatro da Praza da Veracruz; e o domingo, entre as 09,30 e as 14,30 h, con saída e meta no mesmo lugar. O percorrido realizarase por diversos tramos da comarca, fundamentalmente, dos municipios do Carballiño e Boborás.
Entregaranse un total de 15 premios, tanto en categoría masculina como feminina, nas cinco disciplinas previstas: dous trail, dúas rutas mtb e o desafío maskepower. Premiarase aos tres mellores de cada disciplina.
Haberá un trail curto de 14 km, e outro longo de 24 km. Así mesmo, haberá unha BTT curta de 40 km, e outra longa de 60 km. E o Desafío Maskepower tamén terá a opción curta de 24 km, e outra llonga de 60 km.