76 vehículos de alta gama participan na "2ª Quedada de Superdeportivos Vila do Carballiño"
Setenta e seis vehículos de alta gama concentraranse este sábado, 27 de maio, nos arredores da Praza Maior, dentro da II Quedada de Superdeportivos Vila do Carballiño.
As inscricións proceden de toda Galicia, pero tamén de fóra, como Madrid ou Portugal, e entre outras marcas figuran últimos modelos de Ferrari, Porche, Mercedes, Audi, Lamborghini e BMW. Os prezos dos vehículos van dende os 100.000 euros aos 250.000 euros, polo que o valor total dos coches participantes pode rondar os 11 millóns de euros.
O evento foi presentado este mediodia polo alcalde, Francisco Fumega; o concelleiro de Deportes, José Manuel Dacal, e o organizador Santi Pereira, propietario do bar Plaza.
A concentración comezará o sábado ás 10 da mañá, e a partir das 12 realizarase unha ruta ata o circuito de O Choupeiro, en Biduedo. Sobre as 13,30 regreso ao Carballiño, e ás 14,00 h., xantar nunha carpa que se instalará na Praza Maior. Asemade, haberá animación na Praza Maior cun DJ presentador.
Ademáis dos 76 coches, hai inscritos 150 participantes.
Con respecto á primeira edición, Santi Pereira dixo que nesta ocasión non ían participar coches historico deportivos, porque non había cabida na Praza Maior para tanto vehículo e polo tanto só haberá superdeportivos recentes.
Tanto o alcalde como o concelleiro de Deportes sinalaron que era un gran acontecmento para a vila, xa que atraía a moitos visitantes e supoñía unha plataforma de promoción, polo que agradeceron a iniciativa.