8 de Marzo: A Deputación homenaxea ás mulleres en profesións altamente masculinizadas na provincia de Ourense.

8, Marzo 2025

A Deputación de Ourense culminou este sábado 8 de marzo, Día Internacional da Muller, a campaña que desenvolveu durante todo o ano, titulada “8M, mes a mes”, centrada en visibilizar ás mulleres que desempeñan profesións altamente masculinizadas.

No acto institucional, celebrado no Centro Cultural Marcos Valcárcel, o presidente provincial, Luis Menor, puxo en valor a vontade da institución provincial para “visibilizar a igualdade entre homes e mulleres durante todo o ano, tomando como exemplo as vidas profesionais das mulleres en todos os ámbitos laborais”. Para Luis Menor, a igualdade debe ser “unha loita conxunta e sen hostilidades”. Referiuse tamén ás mulleres protagonistas da campaña que se desenvolveu durante todo o ano: Cintia Piña (camioneira); Inés Rodríguez (empresaria e artesá); Lorena Quintas (empresaria con discapacidade); Raquel Biscaia (viticultora); Zaira Vidal (cosmética natural e marketing); Montserrat Dafonte (farmacéutica); Isolina Morais (praceira de Praza de Abastos); Julia Carballo (investigadora); Victoria Diéguez (sector forestal); Julia Vázquez (conductora) e María Fernández (científica).

Para o presidente provincial, a experiencia de todas as protagonistas “é de de suma importancia para contribuír a unha sociedade máis igualitaria onde as mulleres poidan ser o que desexen ser”. Luis Menor advertiu tamén que as administracións públicas “temos que poñer unha parte importante do noso foco na procura da igualdade”, lembrando accións desenvolvidas pola Deputación de Ourense que foron merecentes de recoñecemento, como o II Plan de Igualdade que en 2023 resultou finalista nos Napolitan Victory Awards na categoría de “Campaña Gubernamental do ano”. Un plan con 35 accións a desenvolver en dez áreas de traballo baixo tres principios fundamentais: a perspectiva de xénero, a transversalidade e a atención á diversidade.

O acto institucional do 8M, foi presentado pola deputada de Igualdade, Teresa Barge, e contou coa participación da profesora da Universidade de Vigo Yolanda Rodríguez Castro; da influencer Ro_Meiry; da representante da Asociación de Mulleres con Discapacidade (ACADAR), Laura Quintas; e da actriz Mariana Carballal, que falaron das súas respectivas experiencias profesionais. As participantes relataron as dificultades que atoparon nos seus respectivos sectores e reivindicaron a igualdade coma un “dereito”. Pola súa banda, Teresa Barge agradeceu ás poñentes a súa participación no acto e puxo en valor o traballo da Deputación de Ourense para “seguir avanzando no camiño da igualdade” e agradeceu ás mulleres que “loitan”, pero tamén “aos homes que nos acompañan para conseguir esta igualdade”.